Compendio de herbas máxicas, de Montse Rubio

Antigamente homes e mulleres vivían fortemente ligados á natureza, tanto é así que as súas actividades vitais estaban vinculadas aos seus ciclos naturais e, polo tanto, eran grandes observadores das súas bondades e crueldades.

Co tempo fixémonos moi hábiles no coñecemento das súas calidades, sobre todo das plantas, usándoas para curar  e cubrir as nosas necesidades físicas e espirituais.

Só recentemente, co desenvolvemento da ciencia moderna, se deixou de lado o uso místico e espiritual das plantas, relegándoo en pouco tempo case ao esquecemento.

Este libro pretende ser unha homenaxe a ese uso “máxico-espiritual” relegado e ás meigas, feiticeiras e meigos, que, co seu bo facer, axudaron e axudan aínda hoxe en día a tantas persoas.

Con todo, non está de máis ter en conta que a natureza é unha arma de dobre fío e, por iso, espero que saibades empregar este Compendio non como un manual de consulta, para iso hai outros libros, senón como un achegamento a un aspecto tan importante da nosa tradición cultural, real-fantástica.

Máis información

O segredo do lagarto arnal, de Andrea Maceiras

VISUALIZA UN CAPÍTULO DO LIBRO

Despois de dársenos a coñecer coa súa primeira novela, Violeta tamurana, gañadora do IV Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2010, Andrea Maceiras sorpréndenos de novo cunha obra que procura, tamén nesta ocasión, romper cos tabús e achegarnos a unha realidade vista aínda co receo pola sociedade.

Despois dunha visita ao que será o seu instituto no curso próximo, David sente que algo non vai ben. As sombras dos lagartos perségueno na rúa, na escola e mesmo na casa, facéndoo lembrar intensamente a aldea dos seus avós, Santo Antón de Piñeiro. David sabe que só alí pode volver ser el mesmo e responder ao seu nome verdadeiro: Arnal. Tampouco pode esquecer a persoa que lle puxo ese alcume, o seu curmán Marcos, un rapaz introvertido que desapareceu misteriosamente e de quen ninguén quere falar. Por iso David está disposto a dedicar todo o verán a procurar a luz nas sombras do seu pasado. Quizais así poida reencontrarse cos seus amigos da primeira infancia, esquecer un pouco o divorcio de seus pais, revelar un segredo familiar oculto e dicir, ben alto, que todas as persoas teñen o dereito de decidiren o seu destino, sexa este o dos lagartos, o das avelaíñas ou mesmo o das bolboretas.

Máis información

A neve e o lume, de Chelo Suárez

VISUALIZA UN CAPÍTULO DO LIBRO

A neve e o lume representa unha achega á literatura galega da narrativa gótica, á vez que unha sentida homenaxe á poetisa arxentina Alejandra Pizamik, da que se recuperan diversos poemas que serven de motivo introdutorio a cada un dos capítulos da novela.

Negraneve, a protagonista da historia, ten que superar a protección da Cociñeira e do Leñador, os seus pais, ante a Xente de Arriba da Gran Mansión, onde viven atrapados, como resultado dunha maldición invocada nun aquelarre nunha noite do solsticio de verán, e os seus propios medos ao descoñecido para mostrar a súa auténtica beleza e liberar, ao tempo, os seus país da carga que arrastraban dun tempo doutra época.

GL” lang=”GL”>É unha alegoría da vida, unha aproximación ao seu misterio e aos medos que provoca, tamén un canto á natureza, motivos que levan á autora a adoptar unha fermosa linguaxe literaria e unhas meditadas pausas narrativas que a aproximan ao xénero poético, por unha banda, e á literatura de tradición oral, pola outra. Tamén, unha viaxe para escapar do tempo pasado, unha viaxe na procura da liberación.

Prólogo de Marica Campo, descárgao desde aquí.

Máis información

Bandeiras negras, de Ana María Galego Gen

VISUALIZA UN CAPÍTULO DO LIBRO

Obra gañadora do V Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira 2012

N’A Illa do Tesouro, Jim Hawkins, o narrador, ou Stevenson, o autor, non dan moitos detalles sobre a vida de Long John Silver. Só temos algúns trazos: que navegou co histórico capitán England, ou que está casado cunha muller negra.

Este é o xermolo de Bandeiras negras. Quen é esa misteriosa muller, onde coñeceu a Silver e como chegou a casar con el?

Páxina a páxina, coñeceremos as aventuras da pequena escrava Providence, quen se converterá no mariñeiro Chris e que navegará baixo as bandeiras dos piratas de máis sona: Bonnet, England… e Flint, o temible capitán do Walrus. Providence sabe cal é a vida á que está abocada dende o seu nacemento e será quen de rebelarse contra o seu destino. Non hai moitas oportunidades para as mulleres, e menos para as mulleres negras, no século XVIII. Pero as oportunidades, e a sorte, ás veces chegan andando sobre unha soa perna…

Máis información

Guía das libélulas de Galicia

Esta guía trata sobre un grupo de insectos que reciben en Galicia as denominacións de tizóns do demo, cabalos do demo, gaiteiros do demo, sacaollos, quitaollos, mollacús, lavacús, gaiteiros e candileiros ou candís. Recentemente, para denominar estes insectos, incorporáronse a estas formas vernáculas outras de orixe culta, como libélula e libeliña. En termos técnicos estes insectos son agrupados na orde Odonata e denominados como odonatos.

A guía ofrece unha introdución á bioloxía e ecoloxía das libélulas, que serviu para aumentar e revolucionar, en certos aspectos, estas ciencias nos seus mesmos fundamentos. Asemade, facilita a identificación das libélulas mediante a súa observación directa, sen intervención nin captura, facendo fincapé nas características que sirvan para a distinción mediante a única axuda duns prismáticos, e algo de paciencia, e busca, ao tempo, servir de guía de campo para os naturalistas que queiran identificar as diferentes especies de libélulas de Galicia, atendendo as formas adultas.

Descríbense 62 das especies máis habituais no noso país e mesmo algunhas que, polas condicións de cambio climático existentes, é previsíbel que comecen a ter o seu hábitat natural en breve espazo de tempo en Galicia. Todas elas magnificamente ilustradas por Calros Silvar a toda cor.

O obxectivo último, e talvez o máis importante, é aumentar o número de naturalistas e amantes da natureza que sumen esforzos para o estudo e conservación destes animais e dos fráxiles e ameazados medios húmidos onde se reproducen.

Visita o blog Luar na fraga

Calros Silvar fala das ilustracións da guía na súa web.

Obras breves de imaxinación

O Premio de Relatos Mulleres Progresistas foi convocado por vez primeira no ano 2006, vindo substituír o xa veterano de Novela, cun obxectivo moi claro: animar e fomentar a escrita de narrativa en galego por mulleres, e nada mellor para isto que facer esa convocatoria desde o formato do relato, verdadeiro banco de probas de todo tipo de argumentos e voces e de maior poder de convocatoria para todas aquelas que algunha vez pensaron en contar algunha historia en negro sobre branco.

O resultado final e concreto é este recompilatorio: quince pezas breves dun total de once autoras entre gañadoras, finalistas e mencións especiais do I, II, III e IV Premios, que veñen amosarnos a riqueza temática e de estilos da narrativa galega escrita por mulleres, pero, sobre todo, que veñen dar forma e corpo a un entusiasmo compartido.

Coa colaboración da Concellería de Igualdade e Xuventude do Concello de Vigo

Máis información