Avaliar o traballo do profesorado?

Xa tocaba. Periodicamente lánzase ao aire unha proposta ou se toma unha decisión co único fin de axitar a educación española. Por si non houbese pouco coa falta de medios, os plans de estudos e os recortes agora ocórreselles dar outra volta de porca e aceptar a proposta, iso si para o seu estudo, de avaliar o traballo do profesorado porque, a dicir do filósofo Marina , «o bo mestre non pode cobrar o mesmo que o malo», sen decatarse de que cobra o mesmo e incluso máis o deputado que non situou os seus posaderas sobre o escano, que o que presentou centos de emendas.

Pero é certo que hai profesores que non dan pau á auga. Como hai xornalistas e hai mecánicos. E que é necesario pór remedio á situación. Pero o noso é un país onde á educación dáselle a importancia que se lle dá cando se lle entrega a un señor para que a xestione ao mesmo tempo que os touros, o fútbol e os espectáculos de cabaret.

Por iso hai que celebrar calquera mellora. Incluso sería bo que a Administración cubrise as baixas de profesorado que non cobre, que colocase profesores de apoio, que acabase coa masificación das aulas, que aumentase o profesorado e que o licenciado en historia non acabase dando inglés; o de francés, xeografía, e o licenciado en matemáticas impartise física. Mellor aínda sería que a nosa educación non encabezase os países da UE onde máis caeron os orzamentos, que no 2014 sufriron unha rebaixa do 16,7 %, uns 7.300 millóns de euros menos.

E unha vez que arranxemos estes problemas, pois imos co outro. Pero o demais é empezar a casa pola cheminea. Como sempre facemos.

Artigo de Ernesto S. Pombo de La Voz de Galicia.

Empezou a Feira do Libro da Coruña

A Coruña, 1 de agosto de 2015.- A cidade herculina acolle desde hoxe e ata o vindeiro 10 de agosto a cuadraxésimo cuarta edición da Feira do Libro Novo da Coruña, que foi inaugurada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo alcalde do municipio, Xulio Ferreiro; e mais pola presidenta e o vicepresidente  da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez e Pedreira.

As novidades editoriais que ofrecen as librarías participantes xunto con preto dun cento de actividades para lles achegar o libro e lectura a todos os públicos centran a nova edición deste evento, da que o secretario xeral de Cultura destacou o nivel e o importante número de escritores e escritoras que volverán participar, un ano máis, nesta cita de referencia co libro e a cultura en Galicia.

O acto de apertura da feira, que contou co pregón de Mercedes Queixas Zas e mais coa actuación da Banda Municipal de Música da Coruña, dará paso a partir desta tarde ao inicio do programa de actividades. Os xardíns de Méndez Núñez serán o escenario durante os próximos días de numerosas presentacións e sinatura de libros.

Stands
Berbiriana, Editores Coruñeses, El Faro de los Tres Mundos, IGN-CNIG, Espazo do Lector Nobel, Librería Cascanueces, M. Moleiro Editor, Libraría Couceiro, Praza do Libro, Komic Librería, Ediciones del Viento/Reino de Cordelia, 7 Mares Libros, Brea, Edelvives-Tambre, Aenea, Santos Ochoa, Consorcio Editorial Galego, Nobel Burela, Libraría Pedreira, Libraría Cartabón, Luzes, Áncora Libraría, Hegar, Alita Comics, Librería Molist, A Serpe Edicións, Librería Arenas, Xiada, Nova Galicia Edicións, Ler Probra do Caramiñal, Librería Formatos, Siloé, Librería Roget, M. Couceiro Librarías e Editorial Eneida participarán na nova edición da feira, que permanecerá aberta en horario de 11:00 a 14:00 horas pola mañá (agás na fin de semana, que se amplía ata as 14:30 horas) e de 18:00 a 22:00 horas.

A Biblioteca Pública Miguel González Garcés, de xestión autonómica, volve contar cun espazo propio na feira, a través do que lle achegar ao público os seus servizos e no que as persoas interesadas terán ocasión de realizar in situ o carné da biblioteca.

Presentación de As crebas. Outro xeito de andar ao mar, o xoves 24 na Libraría Couceiro de Santiago

“Chisco” Fernández Naval e Maribel Longueira, acompañados da artista e poeta Soldedad Pite e do xornalista Manuel Rodríguez presentarán o  seu último libro As crebas. Outro xeito de andar ao mar

Estades convidad@s

  

Xa falta menos para o 6º Premio Meiga Moira de literatura infantil e xuvenil

A data límite para a entrega de orixinais remata o 17 de maio.

Bandeiras negras, de Ana maría Gallego Gen, foi premiada na convocatoria anterior, de carácter bianual.

Podes visualizar un capítulo do libro no seguinte enlace http://www.baiaedicions.gal/media/upload/file/25_Bandeiras_capitulo.pdf

LEMBRAMOS AS BASES:

PRIMEIRA
Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega (de conformidade coas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego aprobadas pola RAG) de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 8 a 16 anos. As obras deberán ser inéditas e non premiadas.
Se no período de tempo transcorrido entre a presentación do orixinal e o ditame do xurado a obra obtén outro premio ou é publicada, a autoría vese obrigada a comunicalo á editorial e non poderá recibir este premio.
SEGUNDA
O orixinal, escrito en letra Times, corpo 12 e a dobre espazo, enviarase xunto con seis copias debidamente encadernadas a:
BAÍA EDICIÓNS
Polígono Pocomaco, 2.ª Avda.
Parcela A2 / Nave 22. 15190 A Coruña.
O prazo de recepción de orixinais remata o 17 de Maio de 2014.
TERCEIRA
Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico da autoría, así como o título da obra e grupo de idade ao que vai dirixida (8 a 12 anos ou 12 a 16), indicando no mesmo: Premio Meiga Moira 2014.
CUARTA
O premio, que poderá quedar deserto, considerará un único galardón, ao que se lle asigna unha dotación económica de 2.500 euros
. A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira, renunciando a persoa gañadora aos dereitos de autoría da primeira ediciónl. No caso de realizarse unha segunda edición, esta rexerase polo modelo de contrato de autoría propio de Baía Edicións.
A obra finalista será publicada segundo contrato de autoría estabelecido por Baía Edicións.
A autoría da obra gañadora e da finalista comprométesea participar nos actos de promoción que organice a editorial.
QUINTA
O xurado está composto por cinco persoas de recoñecidoprestixio, unha delas da propia editorial, que actuará, asemade, como secretaria.
SEXTA
A resolución do xurado darase a coñecer o 19 de setembro de 2014.
SÉTIMA
As obras non premiadas non serán devoltas pola editorial.
OITAVA
A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.
A Coruña, xaneiro de 2014
www.baiaedicions.gal

Pasados os temporais, quedan as crebas (ou quebras). As Crebas. Outro xeito de andar ao mar en Galicia Confidencial

As Crebas. Outro xeito de andar ao mar de Francisco Fernández Naval e a fotógrafa Maribel Longueira afonda na relación entre os habitantes da costa galega e os naufraxios.

http://tendencias.galiciaconfidencial.com/nova/18200.html

A coruñesa Baía Editorial acaba de lanzar “As Crebas. Outro xeito de andar ao mar”, un volume de Francisco Fernández Naval con ilustracións de Maribel Longueira. O autor indaga na relación entre os habitantes da costa galega e os naufraxios, hoxe popularizada grazas a película Os Crebinsky.

Fernández Naval di que lle gustaría que este libro axudase a mellor comprender o que son e que significan as crebas, especialmente a “fascinación e misterio” ao redor deste fenómeno. Na súa opinión, “o que segue non esgota o tema; a creba sempre é sorpresa, andar a elas é camiñar na procura do inesperado e nós, os crebeiros de hoxe e de mañá, seguiremos peiteando os areais, remexendo nos coídos, penetrando nas furnas, á procura dunha curiosidade ou dun soño. “

Fonte: Galicia Confidencial

Berta Dávila triunfa nos Anxel Casal cos premios á mellor autora e mellor libro de ficción

A Libraría Couceiro da Coruña (carmiña Couceiro e Pepe Díaz)  recibiron o Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2013 co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, empresa, entidade ou colectivo ao longo do ano 2013

Mellor autora do ano e mellor libro de ficción. A escritora Berta Dávila converteuse na grande triunfadora na entrega da IX edición dos Premios Ánxel Casal que a Asociación Galega de Editores celebrou a noite da sexta feira en Betanzos. Xesús Rábade e Pilar García Negro recibiron os premios en poesía e non ficción.

A Noite da Edición tivo un nome protagonista, o de Berta Dávila ,que conseguiu o premio ao mellor libro de ficción coa novela O derradeiro libro de Enma Olsen -que xa recibira o premio Repsol-  mais foi tamén considerada polo xurado como mellor autora do ano nos Premios Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores presidida por Manuel Bragado.

No acto, que se desenvolveu no Liceo de Betanzos, e no que participaron representantes institucionais e dos gremios relacionados co libro, entregáronse os premios das distintas categorías convocadas e que recoñeceron tamén obras como Cantares Gallegos hoxe. Unha lectura actualizada e Rosalía de Castro de Pilar García Negro en ensaio, Sobre ruínas de Rábade Paredes en poesía, A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar e Xosé Cobas en libro infantil ou a tradución do Ulises de Joyce como mellor obra traducida do ano. Tastarabás de Antón Cortizas, a enciclopedia do brinquedo editada por Xerais foi escollido como mellor iniciativa editorial e Vento e chuvia de Manuel Gago (Xerais) resultou gañador na categoría de mellor obra educativa do ano.

O xurado nomeado polo gremio da edición decidiu outorgar o premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural á libraría Couceiro da Coruña, a cargo de Carmiña Couceiro e Pepe Díaz que se despiden do mundo do libro despois de décadas nas que o seu establecemento se converteu nun verdadeiro centro cultural.

PREMOS ÁNXEL CASAL:

-Premio ao Libro de ficción:

O derradeiro libro de Enma Olsen, de Berta Dávila (Galaxia)

-Premio ao libro de non ficción

Cantares Gallegos hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de Pilar García Negro (Alvarellos Editora)

-Premio ao Libro de poesía ou teatro

Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes ( Alvarellos Editora)

-Premio Isaac Díaz Pardo libro mellor ilustrado

Pan de millo, de Dani Padrón (Kalandraka)

-Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil

A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar e Xosé Cobas (Biblos)

-Premio Lois Tobio o libro traducido

Ulises, de Joyce, traducido por María Alonso Seisdedos, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Valle (Galaxia)

Premio Xosefa Vilarelle ó libro educativo

Vento e chuvia, de Manuel Gago (Xerais)

-Premio Xosé María Álvarez Blázquez ó autor ou autora co que se pretende recoñecer a traxectoria creativa dun autor ou autora durante o ano 2013.

Berta Dávila.

-Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial

Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos, de Antón Cortixas (Edicións Xerais)

-Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2013 co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, empresa, entidade ou colectivo ao longo do ano 2013

Librería Couceiro da Coruña. Aos libreiros Carmiña Couceiro  e Pepe Díaz

Fonte: Sermos Galiza

Feliz 8 de marzo a todas, malia os datos que confirman a nosa situación

Este sábdo 8 de marzo, parece que a Natureza nos vai regalar luz. Anímovos a tirar coa apatía e  invernía e saíde á rúa, tomade aire e compartide coas amigas as vosas reflexións sobre como podemos mudar a situación do noso colectivo, porque os datos do último ano son desastrosos para as mulleres. E se non damos coa solución, canto menos aproveitemos para ser felices.

Deixo algún tomado de aquí e acolá, pois nen sequera hai información suficiente:

A fenda salarial entre homes e mulleres: varía entre un 10 e un 23% según as fontes.

As mulleres máis expostas ao desemprego en Galicia son as que teñen entre 16 e 24 anos, cunha taxa do 32,1%.

A metade das paradas galegas sono de longa duración.

Case unha de cada catro mulleres en Galicia atópanse en risco de pobreza ou exclusión social

45 mulleres asasinadas no 2013.

Hai un 60% de mulleres nas universidades galegas pero só un 10% chega a postos directivos.

http://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/salarios/EstruturaSalarial_ResumoResultados.html

 

 

 

Luz Pozo Garza foi galardoada co XI Premio Laxeiro pola Fundación do mesmo nome

A escritora Luz Pozo Garza foi galardoada pola Fundación Laxeiro co XI Premio Laxeiro, co que recoñece o traballo de “toda unha vida dedicada á creación literaria, a edición e ao ensino“.

 Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) foi catedrática de Ensino Medio, é membro numerario da Real Academia Galega e directora da revista Nordés.

É merecedora dunha morea de premios, entre eles o Premio da Crítica de poesía galega 2009  por Deter o día cunha flor (Baía Edicións)

O seu labor editorial comezou coa revista Nordésrevista de poesía y crítica, que na súa primeira andaina (1975-1976) codirixiu con Tomás Barros. Na segunda etapa dirixiu en solitario desde Vigo vinte e dous números máis de Nordés. Mantiña agora as liñas proxectadas orixinariamente, dar a coñecer a poesía galego-portuguesa actual, proporcionar unha plataforma aos novos poetas e dar a coñecer as últimas producións de ensaio e narración breve en galego: Cunqueiro, Dieste, Eduardo Moreiras, Neira Vilas, Xosefa Goldar, Fernando Agrasar, Fernández del Riego, X. María Álvarez Cáccamo, Tomás Barros, etc. Dirixe tamén a revista Clave Orión: poesía, arte, música, en once números de carácter universalista.

Foi e é colaboradora habitual de revistas nacionais e estranxeiras, La Noche, Poesía española, Ínsula, Vida gallega, Clave Orión, Ateneo Ferrolán, Galeuzca, Nordés ou Grial, son algunhas das publicacións que deron cabida aos seus artigos e poemas.

Título superior de Piano, Mestra de Ensino Primario, Licenciada en filoloxía Románica, Catedrática de Lingua e Literatura Españolas.

Pronunciou conferencias nas Universidades de Berlín, Heidelberg, Tréveris (1999) e Bruxelas (1999) e participou en distintos congresos e seminarios nacionais e internacionais.

Forma parte da Real Academia Galega como membro correspondente desde 1950 e como membro numerario desde o 29 de novembro de 1996, data en que deu lectura ao discurso de ingreso Diálogos con Rosalía, que foi contestado en nome da institución por don Xesús Alonso Montero.

 PREMIOS

  •  2013. Premio Laxeiro a toda a súa traxectoria
  • 2013. Premio Cultura Galega das letras da Xunta de Galicia.
  • 2009. Premio da Crítica de poesía galega , por Deter o día cunha flor.
  • 2002. Premio Galicia en Feminino: premio á participación artístico cultural das mulleres.
  • 2001. Premio Asociación de escritores en lingua galega
  • 2001. Premio Celnaova  Casa dos Poetas
  • 1995. Medalla Castelao
  • 1994. Premio Gallegas distinguidas. Diálogos 90
  • 1992. Premio Deputación da Coruña
  • 1992. Premio Miguel González Garcés , por Prometo a flor de loto.
  • 1991. Premio á Creación Feminina da Consellería de Cultura a toda a súa traxectoria
  • 1990. Premio Tomás Barros de ensaio
  • 1974. VII Festa da Cantiga polo poema. Noticia dende a Coruña a un amigo foraño

Fontes: Fundación Laxeiro d Real Academia Galega.

Convocatoria XXII premio Álvaro Cunqueiro, VIII Manuel María e XI Barriga Verde, 2014

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), co fin de incentivar a creación literaria no eido teatral, convoca os premios ÁLVARO CUNQUEIRO para textos teatrais, MANUEL MARÍA de literatura dramática infantil e BARRIGA VERDE de textos para teatro de monicreques, que este ano chegan ás súas XXII, VIII e XI edicións respectivamente.

Indicamos, no pdf que se acompaña, información sobre a convocatoria correspondente á edición 2014 (DOG Nº 249, do 31 de decembro de 2013).

CONVOCATORIA

 

30ª edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor

O Concello de Fene ten o pracer de organizar este ano a 30ª edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor. Este certame, dedicado a un dos máis grandes escritores da literatura galega de todos os tempos, é posible grazas ao patrocinio dos moitos concellos que decidiron apoiar a iniciativa nestes anos.

Este Premio cumpre un importante papel no sistema literario galego xa que contribuíu, no pasado, e segue a contribuír de maneira decisiva no presente ao impulso e consolidación da literatura galega, nomeadamente do xénero da novela longa, no que foi mestre Eduardo Blanco Amor.

Ao cumprirse este ano o 30º aniversario do certame e o 36º da homenaxe en vida que o pobo de Fene lle tributou a Don Eduardo (no CCRD de Perlío, en 1976), dende o Museo do Humor queremos sumarnos aos actos que está a programar o Concello para divulgar a vida e obra do xenial escritor ourensán.

Por este motivo poñémonos en contacto contigo para solicitar a túa colaboración na exposición-homenaxe a Blanco Amor que, comisariada por Siro, vai ter lugar no Museo do Humor do 2 ao 23 de novembro de 2012 e da que agardamos poder editar o correspondente catálogo.

Unha vez rematada a exposición, o Museo ofrecerá aos concellos patrocinadores do Premio e ás entidades interesadas a itinerancia gratuíta da exposición (só terían que aboar os gastos de transporte e seguro) até finais de 2013.

De podermos contar coa túa colaboración, cómpre que teñas en conta os seguintes extremos:

a) A exposición vai estar estruturada en dous grandes bloques: caricaturas de Blanco Amor e ilustracións relativas a personaxes ou anacos da obra de Don Eduardo. Xa que logo, a túa participación pode ser na sección que consideres máis acaída ou nas dúas.

b) Podes enviar cantas caricaturas/ilustracións consideres oportuno e utilizar calquera técnica. c) Aos efectos de facilitar a montaxe da exposición os debuxos deberán estar en formato A-3.

d) Os traballos, en formato papel ou semellante hai que envialos, antes do 30 de setembro de 2012, ao seguinte enderezo:
Museo do Humor – Concello de Fene Homenaxe a Blanco Amor Avda. de Conces, 20 – 22 15500 Fene (A CORUÑA)

e) Os traballos en formato dixital (JPEG, TIFF, GIF, PSD, PDF, PNG, BMP) hai que envialos, antes do 30 de setembro de 2012, ao seguinte correo electrónico museodohumor@gmail.com cunha resolución mínima de 300 ppp para debuxos en branco e negro e 500 ppp se son en cor.

f) Rematadas as itinerancias da exposición, os traballos aceptados a concurso pasarán a formar parte dos fondos do Museo figurando unha selección deles nos seus locais, en mostras itinerantes ou publicacións do Museo baixo una licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Sen obra derivada 3.0. (CC BY-NC-ND 3.0). O Museo comprométese a que sempre figure o nome do/a autor/a. Tamén hai a posibilidade de recuperar as obras, sempre que o/a autor/a o faga constar expresamente no envío.

Carta de Siro aos ilustradores