Belén López, directora de Baía Edicións, fala da colección de CONTOS DA IGUALDADE no programa A Revista

Belén López Vázquez, directora de Baía Edicións, analiza a Educación en Valores a través dos títulos da colección CONTOS DA IGUALDADE. Con esta colección Baía pretende romper coa tendencia nos contos infantís de asignar roles estereotipados a nenos e nenas, que condicionan a capacidade de soñar sen límites no propio futuro, de imaxinar un mundo de igualdade entre homes e mulleres. Os títulos da colección son os seguintes:

UN DÍA DE TREBOADA. Autora: María de Mata. Ilustradora: Mariana Riestra.

XELA VOLVEUSE VAMPIRA!!. Autora: Fina Casalderrey. Ilustradora: Noemí López.

ALFOMBRIÑA. Autora e ilustradora: Cristina Ferreirós.

O MENIÑO NITO. Entón, os homes choran ou non?. Autora: Sonia Rosa. Ilustradora: Macus Romero.

NERA, A FERREIRA. Autora: Imelda Barrio Santamaría. Ilustrador: Andrés Meixide.

A editora Belén López fala da colección CONTOS DA IGUALDADE no programa A REVISTA da televisión galega. O día 23 de marzo de 2015 a partir do minuto 15:30. Para visualizalo clica AQUÍ.

 

Play-Doc homenaxea ao director mexicano Nicolás Pereda

O festival de Tui repasará, ata o domingo, a actualidade do documental

Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, fai dez anos con enormes dificultades económicas, pero cheo de imaxinación para propór novos espazos cinematográficos. Mentres que a sección oficial presentará seis producións internacionais, entre as que se atopa o galego Lois Patiño con Costa da Morte, destacan como novidades un apartado dedicado a repasar as producións máis emblemáticas da historia do festival e a creación dun laboratorio destinado á reflexión.

O realizador mexicano Nicolás Pereda será obxecto de homenaxe nesta edición. Os espectadores poderán visionar nove traballos deste director que se move entre a ficción e o documental para palpar a realidade de México.

O documental realizado en Galicia ten a súa propia sección, que este ano achegará sete títulos: A Raia, de Iván Castiñeiras; Cámping Wesertal, de Hugo Amoedo; Ou quinto evanxeo, de Gaspar Hauser e Alberto Gracia ; Pettring, de Eloy Domínguez Serén; Spaces of Time, de David Hernández; Vida extra, de Ramiro Ledo; e Ecos do urbano, de José Ignacio Canosa.

Play-Doc naceu cun forte vínculo musical que procura manter en todas as súas edicións. O vindeiro sábado, a sala Metropol de Tui acollerá a sección de música en directo coas actuacións da portuguesa Sequin, Novidades Carminha e Malandrómeda. O espazo dedicado ao documental musical contará cos traballos When you’re strange, de Tom Dicillo; 19.06, de Paco Cuesta e Alejandro Enríquez; Galicia Hi-Fi, de Bruno Vence; e Agra do Orzán, ou barrio dous músicos, de Carmina Escrigas.

O programa da décima edición do festival Play-Doc complétase cun seminario destinado a tratar a crítica cinematográfica, un apartado de documental portugués e a presentación dun libro que aborda o cine lusitano no século actual.

O certame cinematográfico inaugurarase mañá ás 20.30 horas e desenvolverase ata o vindeiro domingo no teatro municipal.

Fonte: La Voz de Galicia

Paula Carballeira fala d’A burra Ramona no programa ‘Somos quen’

A burra Ramona. Autora: Paula Carballeira. Ilustracións: Xosé Tomás

A burra Ramona, un bo día, deixa de traballar e decide que quere voar. A súa decisión vai influír nunha chea de personaxes que, colaborando con ela, van conseguir realizar os seus soños aprazados e mesmo desouvir os mandados do exército e do rei.

A actriz e autora Paula Carballeira fala da súa última obra A burra Ramona no programa Somos Quen da Radio Galega. O día 11 de xaneiro de 2014 no minuto 13:00. Para visualizalo clica AQUÍ.

Raúl Dans fala de ‘Un mosquito de nome Henri’ en ZigZag Diario

Un mosquito de nome Henri. Autor: Raúl Dans. Ilustracións: Jacobo Fernández Serrano

Obra gañadora do X Premio Barriga Verde (modalidade infantil), editada en coedición coa AGADIC.

Henri quere ser piloto de aviación, mais ten un pequeno problema: é miope.

Un mosquito de nome Henri é unha historia de superación e de aprendizaxe na que o mosquito Henri, en compaña da súa inseparable amiga Olivia, levantará o voo nunha aventura chea de piruetas e picados mortais rumbo ao seu destino: ser un heroe. E para iso vaise ter que enfrontar á malvada avespa Roque.

Unha libélula cantante de jazz, unha araña pianista, un moscón excampión dos pesos pesados… E moitos personaxes máis nunha historia para que os cativos leven os seus pais ao teatro e xuntos gocen cun relato de iniciación aos desafíos que a vida nos reserva a todos nós. Mesmo se es un mosquito.

O dramaturgo Raúl Dans fala das súas obras no programa ZigZag Diario da TVG e, concretamente, de Un mosquito de nome Henri no minuto 01:10. Para visualizalo clica AQUÍ.

Presentación de RESINA DE POLIÉSTER, de Correa Corredoira en Monty4

Monty4 e Baía Edicións presentaron o poemario Resina de poliéster, de Correa Corredoira, en Monty4. Arte contemporáneo (Rúa Montroig, 4 –zona Orillamar–) o xoves día 23 de maio, ás 20:00 horas, en que interviron, ademais do autor, Lino Braxe.

Celebrouse unha lectura dos poemas con música de Miguel Ladrón de Guevara (guitarra) e Ismael Berdei (piano). Un acto cheo de forza, paixón, amor,  poesía, música…

Entrevista a CORREA CORREDOIRA no programa Eirado. Para ver o vídeo clica AQUÍ.

 

Xosé Manuel García López fala de ‘Pegadas nun labirinto baleiro’ no programa Eirado da TVG

Amador Ribeiro é un inspector de policía de Vigo, violento e solitario. Amigo do xogo e do alcohol, vive nun mundo sórdido, cheo de rancor, de homes e mulleres da noite. Ademais non é ben querido na Comisaría. Os seus compañeiros recean dese home coa mirada extraviada, de trazos duros. Un día recibe o enccrgo do comisario de levar a cabo a investigación máis estraña da súa vida: nos montes da vila de Lenzo van aparecendo uns corpos que se afastan do aspecto dos cadáveres deixados por un asasino convencional. Os corpos están transformados, convertido nas trazas doutra cousa, de algo que non se pode definir. É como se os cadáveres fosen o soporte onde o asasino plasma a súa arte.

Xa en Lenzo Amador comeza as investigacións. Para el semella todo diferente; é un home de cidade, non se afai á vila. Asígnanlle unha compañeira compostelá, María. Entre eles comeza a xerar a rivalidade e mesmo o odio. Pero as pescudas lévano a actuar só, coa mente chea de confusión, case que nos lindeiros da tolemia, mais é quen de comprender que a posibilidade de resolución do caso se está a converter nunha solitaria oportunidade para a redención polo dano que fixo, por todas esas noites pola cidade vivindo a única vida posible, a dos que xa nada agardan. Así, os acontecementos precipítanse de tal xeito que é como se entrase nun labirinto, onde están só el e o asasino.

Pegadas nun labirinto baleiro mestura as características da novela negra ou policial e o realismo fantástico da tradición cultural galega.

VISUALIZA UN CAPÍTULO DO LIBRO

Está disponible tamén en formato PDF e e-PUB. Venta na PLATAFORMA ELIBRO-GALEGO.

Xosé Manuel García López fala da súa obra no programa EIRADO da TVG. Pode visualizarse a entrevista que lle fai Pemón Bouzas a partir do minuto 19.

Xabier Correa Corredoira fala de ‘PINTOR POR ITALIA’ en varios programas da RTVG

Pintor por Italia é un diario resultado de dúas viaxes realizadas por Correa Corredoira e que nos transmite visións distintas para achegarnos a mesma identidade, Italia, desde dous estados de ánimo que marcan perfectamente o percorrido realizado dunha forma libre e aberta para deixarse atrapar pola súa arte, polas súas xentes, pola súa gastronomía, en definitiva, por unha cultura mediterránea que non nos é allea nin sequera tan diferente vista a través dos ollos dun singular representante deste finis terrae que nos caracteriza e define como pobo atlántico.

Correa Corredoira achéganos Italia desde dúas perspectivas: a escrita, máis inesperada nun artista plástico, a través duns textos ben traballados e que, en ocasións, se transforman en auténticas visións e presentacións poéticas, e a plástica, na que se recoñece máis o singular viaxeiro, e a través da cal nos dá a coñecer e propón un (re)coñecemento da arte que mana por todas as rúas e cidades desa Italia, que no seu lapis e pincel, se nos transforma nunha máxica visión de cores.

Con todo, Pintor por Italia é máis que un diario de viaxes e un catálogo de imaxes, é a simple –coa súa dificultade– mostra da personalidade dun dos máximos representantes da expresión plástica galega actual, e que agora se nos descobre tamén como un magnífico escritor.

Visualiza a súa presentación no programa Palabra de autor. Palabra de autora

Correa Corredoira fala da súa obra Pintor por Italia no programa Libro aberto.

 

Xurxo Souto fai un achegamento crítico sobre a obra de Natalia Carou, O ALENTO NAS COSTAS.

Baía Edicións presentou o día 8 de agosto, na Feira do libro da Coruña O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira, que tivo lugar na Carpa da Feira do Libro (Xardíns de Méndez Núñez) ás 21:00 horas, no que interviron, ademais da autora, Julián Hernández (guitarra e vocalista de ‘Siniestro Total’), Xurxo Souto (músico, escritor e divulgador cultural) e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

O acto de presentación estivo cheo de amigos, curiosos e amantes da literatura. Xurxo Souto fixo unha achega crítica sobre a obra na que só tivo boas palabras tanto para a autora, Natalia Carou (sendo esta a súa primeira obra publicada!) como para a historia, aventura, fantasía… que narra nas 334 páxinas que contén o libro. Julián Hernández tamén participou nesta aproximación crítica sobre a obra comentando que a doble visión que se fai na obra sobre a época Medieval e a actualidade é espectacular. Natalia Carou rematou este acto explicando ao público asistente os motivos que a levaron a facer esta obra chea emoción, aventura, viaxe…

Podes ver e escoitar parte deste acto no canal de Youtube de Baía Edicións.

Rodribico tamén en castelán e portugués

Xa podes ler os contos do noso páxaro máis coñecido e viaxeiro RODRIBICO en castelán e portugués!

Rodribico é unha pega marza á que lle encanta estar forte e vivir todo tipo de aventuras. Habita nunha inmensa árbore, con grandes pólas, e no seu niño ten todas as comodidades que unha ave pode desexar.

Ademais de voar, xogar, e divertirse, o que máis feliz o fai é compartilo todo cos seus amigos e amigas.

Queres coñecelo? Se é así visita a súa páxina web RODRIBICO. Nela poderás atopar toda a información sobre este paxaro tan simpático! Contarás con MATERIAL DIDÁCTICO con actividades divertidísimas para realizar na propia web e con MATERIAL DESCARGABLE para que todas as nenas e nenos poidades pintar, debuxar, colorear, contar, facer careta, encrucillados…. DIVÍRTETE CON RODRIBICO!

Manuel Guisande e Xosé Tomás falan de Rodripico nunha entrevista na TVE.

Jose María Vilar Varela fala de ‘A arte do bo pescar’ en Actualizad@s

José María Vilar Varela fala da pesca con cana no programa Actualizad@s comentando no mesmo programa que Baía Edicións está a preparar o seu primeiro libro A arte do bo pescar, que sairá á luz no mes de maio.

A pesca con cana non é só unha actividade deportiva, que se debe aprender a practicar e a gozar, é case un modo de vida: combates o estrés diario, gañas tranquilidade e saúde co contacto coa natureza -neste caso, o mar e o seu contorno-, logras unha gran satisfacción coas capturas realizadas e, finalmente co seu tratamento gastronómico. Estes son, sen dúbida, algúns dos seus moitos alicientes.

Esta guía representa, por unha banda, a plasmación dos coñecementos adquiridos polo autor ao longo da súa dilatada experiencia e, por outra, o seu desexo de transmitirllos aos apenas iniciados nesta práctica e a quen aínda non se deixaron atraer por ela.

A guía, na que José María buscou deliberadamente utilizar unha linguaxe absolutamente didáctica e directa para que cumpra o seu principal obxectivo, a divulgación, consta de catro apartados: 1) cebos e engados, 2) artes e técnicas, 3) o mar, os ventos e as mareas, e 4) a pesca das especies máis comúns das nosas costas.

A arte do bo pescar, en definitiva, é unha obra que pon en valor esta actividade que forma parte tamén da cultura das nosas vilas e cidades mariñeiras. A entrevista pode visualizarse a partir do minuto 01:20.

Actualizad@s. Capítulo 59

José María Vilar fala do seu libro A arte do bo pescar no programa de radio Entre Nós (25.05.12)