Catro festivais de cine galegos non recibirán axuda do Ministerio de Educación

O Festival de Cans, Curtocircuito, A Mostra de Cine Periférico da Coruña, e os Premios Mestre Mateo, todos eles xa celebrados, non recibirán subvención do Ministerio de Educación e Cultura para as súas edicións de 2012. Así figura na resolución do primeiro prazo das axudas a certames e festivais cinematográficos (que atende aos celebrados no primeiro semestre) e que dá un revés a moitas das citas. O Festival de documentais de Tui, Play Doc, é o único encontro galego que figura no listado, cunha achega de 5.000 euros. “É unha redución do 50% con respecto ao que recibimos en 2011, polo que é un golpe moi duro” explica Ángel Sánchez, codirector desta cita que considera que “o peor é pensar no ano que vén, que vai ser unha incógnita”. O Ministerio reduciu a achega para festivais un 60% con respecto a 2011.

A contía que o Ministerio de Educacion e Cultura destinou a organización de festivais e certames cinematográficos en 2011 foi de 1.650.000,00 (inicialmente convocara axudas por importe de 1.107.011 euros, pero a mediados de agosto incrementou as partidas en 500.000 euros). É un 60% máis que este ano, que destinou 795.000,00. Por iso, na propia resolución da convocatoria, o texto di “ao non contar coa suficiente cobertura orzamentaria para atender a todas as peticións, este Instituto unicamente pode conceder axudas aos Festivais que máis se axustan á maior puntuación”. E no caso galego, o único que pasa esa peneira é Play Doc. Quedan fóra o Festival de Cans e Curtocircuito, que na anterior edición recibiron 10.000 euros cada un e os premios do audiovisual galego, os Mestre Mateo que en 2011 contaron con 6.000 euros.

Desde o Facebook do festival de Cans explicaron que “a eliminación desta axuda supón un duro golpe que afecta seriamente á liquidez do certame e complica a situación económica para afrontar a décima edición, prevista para maio de 2013”. Paralelamente, denunciaron que falta por concretar a cantidade final que lles concederá a Agadic, que non estableceu un mecanismo de concorrencia competitiva para este tipo de iniciativas.

Fonte. Culturagalega