Código Cero celebra o seu I Foro Tecnolóxico e o seu 10º aniversario
O ano 2012 comezou coa publicación do nº 100 da revista Código Cero, que casualmente coincidiu cos 10 anos da nosa revista nas rúas, o que decidimos celebrar nun evento que tivo lugar hoxe no Auditorio da Biblioteca de Galicia sita na Cidade da Cultura, aproveitando a ocasión para celebrar a primeira edición dunha serie de foros tecnolóxicos que temos previsto celebrar nos vindeiros meses.
Para inaugurar os Foros Tecnolóxicos de Código Cero contamos coa presenza da directora da Axencia de Modernización de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, quen foi presentada aos asistentes polo sempre xenial Xavier Alcalá, un auténtico home do Renacemento que fixo un repaso da figura de Mar Pereira, rematando a súa intervención cunha simpática reivindicación: pediu á directora da AMTEGA que presidise o Partido Regresista Tecnolóxico Galego, que tería como principal obxectivo o regreso do talento tecnolóxico galego espallado polo mundo.
Pereira, pola súa banda, analizou o papel e os retos da Administración pública ante a rápida evolución da sociedade dixital e a importancia e potencial do sector tecnolóxico como elemento tractor no actual contexto económico, repasando as medidas que figuran na Axenda Dixital de Galicia para acadar tales obxectivos.
A responsable da área tecnolóxica da Xunta asegurou que a modernización que están a vivir as Administracións Públicas son consecuencia da crecente demanda dos cidadáns, que buscan minimizar a burocracia, o que precisa de importantes investimentos tanto en tecnoloxía como en capital humano, polo que avanzar neste eido é un reto ambicioso que agardan superar grazas á planificación a longo prazo que definiron dende o Executivo autonómico, apostando tamén pola centralización destes recursos na AMTEGA, o que podería supor un importante aforro económico a distintos niveis.
Pereira tamén lembrou que está a pórse en marcha un novo Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta de Galicia, que permitirá un mellor aproveitamento de recursos, así como facilitará ao sector público o desenvolvemento de proxectos innovadores que contribúan a dinamizar o noso sector TIC.
Tras a intervención de Mar Pereira, quen tamén pecharía o encontro, púxose fin ao Foro Tecnolóxico e pasouse a celebrar o 10º aniversario da nova publicación impresa, polo que o director de Código Cero, Xosé María Fernández Pazos, fixo un repaso da historia da publicación, agradecendo a todos os que fixeron posible que esta aventura puidese durar máis de 10 anos. Logo cedeu a palabra a Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios, que non só transmitiu os seus parabéns polo labor e o éxito de Código Cero, senón que aproveitou a ocasión para lembrar que a CRTVG está “saneada e con bos índices de audiencia”, garantindo a súa función de servizo público, como tiveron a ben recoller no Telexornal Serán da TVG.
Fonte: Codigocero