Coñecemos un pouco máis das Irmandades da Fala (IV)

Extracción do libro A NOSA TERRA É NOSA! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)

Na etapa inicial das Irmandades da Fala, a figura de Antón Villar Ponte xoga un papel de primeirísima orde, que vén dado por varias circunstancias: ter sido o seu ideador, iniciador e primeiro teorizador co folleto Nacionalismo gallego; desempeñar a xefía do primeiro e máis numeroso agrupamento local, o coruñés; protagonizar a maioría dos contactos (epistolares ou en persoa) cos dirixentes doutras agrupacións (caso de Porteiro Garea en Santiago ou de Xaime Quintanilla en Ferrol, por exemplo); e, finalmente, ter baixo a súa responsabilidade a posta en marcha, confección, orientacion e redacción, na súa maior parte, do decenario que actuará como idearium do movemento: A Nosa Terra. Neste sentido, o labor de Antón á fronte do boletín das Irmandades debe entenderse tendo en conta o dito no seu día por Baldomero Cores: “no era un fin profesional ni laboral para él, sino un medio eficaz  y un instrumento muy valioso para conseguir los fines políticos que se había propuesto” (Cores Trasmonte, 1977: 70-81).

……………………..

A Nosa Terra renacía, porén, nunha mala época para a prensa en xeral. O conflito bélico europeo provocara, entre moitas outras consecuencias, unha escaseza e encarecemento sorprendentes do papel e doutros materiais necesarios para a impresión. Moitos cabezallos en todo o Estado español tiveron que reducir o número de páxinas, minguar as súas tiraxes, deixar de saír por temporadas ou mesmo sucumbiron definitivamente. As cualidades de impresión e papel dos que lograron continuar saíndo con asiduidade deixaron moito que desexar, sendo constantes as peticións de desculpa aos lectores por tal motivo.