Coñecemos un pouco máis sobre as Irmandades da Fala (II)
No acto fundacional, logo dunhas palabras de saúdo de Antón Villar Ponte e dun discurso de Lugrís Freire, discutíronse e aprobáronse “con gran entusiasmo” a dicir do cronista de La Voz de Galicia, os primeiros Estatutos da nova entidade, que recibía a denominación de “Os Amigos da Fala Gallega” [sic] e que declaraba como obxectivos fundamentais os seguintes, segundo recolle a revista Estudios Gallegos (nº 20):
a. Falar entre os asociados o idioma gallego, espertando por él a afición e o amor dos fillos de Galicia.
b. Traballar por todol-os medios para que os boletís gallegos adiquen periódicamente unha seición pra que os escritores da fala gallega poidan dar a conecer as suas producciós; e traballar tamén hasta que os Amigos da Fala na Cruña, poidan ter un boletín pol-o menos cada quince días.
c. Acostumar aos asociados á escribir na nosa fala facéndose pol-o menos unha vez cada seis meses lectura dos traballos en prosa ou verso, no seo do Consello ou n-unha festa d’asociados; e cando o traballo o mereza o autor recibirá o agasallo de MESTRE DA FALA.
d. Sempre que sea comenente, ou o tempo o permita, faranse espediciós en días de festa ás nosas aldeas, pra que a contemplación da Galicia labradora esperte a enxebreza nos AMIGOS DA FALA, e todol-os demais actos de traballo e propaganda que o Consello acorde.
e. Cando a situación da Sociedade o permita, fomentarase o conocemento da música tradicional e propia da terra.
f. Todol-os actos de lexítima propaganda serán feitos sómente co’aquel fin, e todol-os aniversarios farase unha visita á tumba dos grandes cultivadores da fala que haxa na localidá, para manter d’ese xeito nas nosas almas o culto do galleguismo.
Foto: La Voz de Galicia.