‘Conservando as nosas dunas’ premiado polo Ministerio de Medio Ambiente por segundo ano
A Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente seleccionou por segundo ano consecutivo o programa ‘Conservando as nosas dunas’ no marco da iniciativa Playas, voluntariado y custodia del territorio.
Este proxecto de ADEGA é un programa de voluntariado ambiental para a eliminación da flora exótica invasora nas praias galegas. Ademais de seguir divulgando a problemática das especies invasoras, e a importancia de conservar os ecosistemas dunares, esta acción ten por obxectivo “aumentar a concienciación cidadá, divulgar e promover iniciativas de custodia litoral, facilitando ferramentas de conservación”, segundo a organización ecoloxista. Outros dos obxectivos é acadar un mellor estado ecolóxico dos ecosistemas dunares.
Precisamente, o pasado 18 de xullo realizáronse actuacións de eliminación de flora invasora no concello de Porto do Son dando continuidade aos traballos realizados na mesma iniciativa no 2012, e na iniciativa ‘Móllate polos humidais’ en 2011. ADEGA e este concello teñen firmado un convenio de Custodia do litoral para a preservación dos valores naturais deste concello.
Nova xornada de voluntariado
A segunda xornada de voluntariado celebrarase este xoves, 10 de outubro, na praia da Corna (Pobra do Caramiñal), onde realizaremos un ano máis labores de eliminación de flora exótica invasora e recollida de lixo. “Esta praia ten un ecosistema dunar ben conservado mais conta con numerosas ameazas que poñen en perigo tanto a flora como a fauna”, apunta ADEGA. Este é un dos poucos lugares da nosa costa onde se pode atopar píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), especie que se atopa en estado vulnerable en Galicia.
Esta organización ecoloxista xa realizou o pasado ano unha campaña divulgativa sobre o valor deste ecosistema e a necesidade de protección da píllara das dunas, dentro do proxecto Conservando as nosas dunas. Para participar é preciso inscribirse. Son actividades gratuítas onde o voluntariado contará con seguro de accidentes, transporte e comida. Máis info en: ramses@adega.info.
Fonte: GC