Cristina Pato distinguida co Premio Trasalba

Cristina Pato (Ourense, 1980) vén de ser distinguida coa XXXI edición do Premio Trasalba que todos os anos, no derradeiro domingo de xuño, a Fundación Otero Pedrayo entrega na Casa Grande de Cimadevila (Amoeiro), casa patrucia do patriarca histórico das Letras Galegas.

Logo de valorar distintas cantidaturas, a xunta de goberno da Fundación, despois de informar a escoitar os membros do Padroado, anuncia a concesión salientando os valores da intérprete galega e considerando, moi especialmente, a súa proxección internacional, a súa condición de representante dunha nova xeración de artistas comprometidos coa difusión da nosa cultura polo mundo e a calidade obxectiva da súa actividade artística e profesional.

“Valoramos nesta ocasión a necesidade de incorporar novos rostros, novas linguaxes, novas maneiras de facer, na liña da universalización da nosa cultura, dentro e fóra de nós, no espírito de “universalidade” que caracterizou aos homes da xeración Nós e, mais concretamente, a mentalidade aberta de Otero Pedrayo”, explican os promotores do premio.

A cultura e a música galega polo mundo

“Cristina Pato leva a cultura e a música galega polo mundo. Instalada entre os Estados Unidos e Galicia, mesmo  cunha importante actividade docente na cidade de Nova York, colabora con algún dos grandes músicos da súa especialidade (The Chieftains, Chicago Symphony Orchestra, Yo-Yo Ma, Silk Road Ensemble etc.), o que a convirte de feito nunha das nosas primeiras embaixadoras culturais.

Fonte: AGE

Foto