Cultura e Educación presenta un completo programa de actividades culturais no CGAC

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa un gran número de actividades culturais para os vindeiros meses no Centro Galego de Arte Contemporánea. Durante os vindeiros meses o museo compostelán contará con visitas guiadas por profesionais do ámbito cultural e artístico, un seminario sobre o universo artístico, dous ciclos de talleres e a estra dunha curtametraxe.

En primeiro lugar, estase realizando un programa de visitas guiadas ás exposicións do CGAC conducidas por profesionais do ámbito cultural e artístico. As visitas son os martes ás 19:00 horas e teñen unha duración de 60 minutos. Parten da recepción do museo e están abertas a todo o público interesado.

Este programa de visitas, plantéxase como unha conversa sobre as exposicións entre o público e profesionais de diferentes disciplinas culturais permitindo ao público asistente cada semana, compartir múltiples puntos de vista sobre as linguaxes artísticas contemporáneas e outras cuestións que susciten interese.

Respecto a mostra Fernando Casás. o agora xa foi e o denantes será esta mesma tarde o comisario independente e crítico de arte do Faro de Vigo, Xosé Manuel Buxán Bran será o encargado de guiar a visita; o 29 de xaneiro será a quenda do comisario de exposicións e crítico de arte Seve Penelas; e o 5 de febreiro pechará este programa o  profesor de estética da Universidade de Vigo, Alberto Ruiz de Samaniego.

Doutra banda, a Exposición Vibracións prohibidas contará o 19 de febreiro co periodista e investigador musical Xabier Valiño; e o 5 marzo co profesor de Comunicación da Universidade Complutense de Madrid Héctor Fouce.

Seminario: ‘Arte e subxectividade’

O obxectivo deste seminario é evitar que se cree unha vía única de pensamento sobre o universo artístico. Os asistentes poderán facer un traballo de arqueoloxía sobre as súas propias influencias e experiencias vitais para despois tentar desfacerse delas. Contarase coa axuda de procesos de autocoñecemento sensorial baseados no son e a investigación corporal, na busca da subxectividade.

Este seminario, que se desenvolverá dende o 28 de xaneiro ao 1 de febreiro entre as 10 e as 14 horas, contará coa participación do artista Fernando Casás, a actriz e pedagoga teatral Xela Marx e o músico e compositor Pablo Seoane. O prezo da matrícula e de 50 euros.

Taller de arquitectura con persoas con transtorno de espectro autista

O 25 de xaneiro, o CGAC en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia e a Asociación de Pais de Persoas con Transtorno de Espectro Autista da provincia da Coruña, organizará un taller experimental de arquitectura en torno á exposición do artista Fernando Casás.

A partir do Sistema Lupo do aquitecto Fermín Blanco- baseado en pezas modulares para a construción de maquetas- os nenos e nenas con trastorno de espectro autista, poderán traballar en relación á obra de Fernando Casás vinculada ao universo, creando formas xeométricas e fantásticas. O taller desenvolverase entre as 11 e as 13,30 horas.

Taller de arquitectura ‘Sen moverte do sofá’

Doutra banda, o 23 de febreiro oCGAC continuará co programa Sen moverte do sofá, unha serie de talleres de arquitectura que pretenden dar a coñecer aos participantes diferentes cidades coa axuda doutros compañeiros do territorio español que, coma eles, forman parte do traballo. Este ciclo, que se desenvolverá durante os meses de febreiroe maio, esta dirixido a rapaces de 7 e 11 anos e conta coa colaboración do arquitecto Fermín Blanco, Arquitectives e o COAG.

A través de conexións virtuais, os aprendices de arquitectura, investigan e intercambian información sobre os parecidos e as diferenzas entre as urbes; a súa historia, estrutura, modelos de crecemento e singularidades, que axudan a entender, de xeito global, os lugares que habitamos. Crearán unha maqueta das cidades de destino para despois construír a grande escala algún dos seus edificios máis emblemáticos.

As construcións faranse a partir do Sistema Lupo (do arquitecto Fermín Blanco): unha serie de pezas modulares que permiten múliples posibilidades de combinacións, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción.

Presentación da curtametraxe ‘A Reforma’

O vindeiro xoves 24 de xaneiro ás 20,00 horas o CGAC acollerá a estrea da curtametraxe A Reforma, do director Alejandro Goris e a produtora Fine Tea Comunicación. Unha curta subvencionada polo AGADIC onde o seu protagonista desencadea  unha inesperada loita individual contra as normas, a xustiza e o sistema establecido.

Alejandro Goris, dirixe no 2009 o súa primeira mediatrexe documental Cancións de pedra, coa que abre un camiño a outros moitos proxectos audiovisuais como o que agora se presenta no CGAC. A entrada é libre até completar localidades.

Fonte: Xunta