Cultura e o Igadi colaboran na análise e difusión de documentación internacional en galego
A Consellería de Cultura presentou este mércores as accións desenvolvidas polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) ao longo de 2012.
En concreto, trátase do número 24 da revista Tempo Exterior, unha serie de 25 novos capítulos para a canle de televisión por Internet Igaditv e 13 artigos de investigación que se inclúen dentro da colección IgadiPap(e)r.
No acto de presentación estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou a “importancia do labor” do Igadi “ao longo de 20 anos”, achegando á cidadanía “reflexións feitas en galego sobre problemas internacionais”.
Para Valentín García, un dos “valores esenciais dos materiais” elaborados por este organismo é “o impulso que lle deu ao galego, abríndoo a un campo de especialización como é o das relacións internacionais”.
A revista Tempo Exterior é a única revista de temática internacional editada no Estado español nunha das linguas cooficiais. A publicación, na que colaboran especialistas de recoñecido prestixio, abrangue todas as tendencias ou correntes do pensamento e destaca por prestar especial atención á acción exterior de Galicia.
Pola súa banda, IgadiPap(e)r é unha colección de artigos nos que se analizan a situación económica e política de actualidade de países como China, as Malvinas, Brasil, Islandia, Grecia, Francia, Rusia ou Taiwan.
Por último, o Igadi elaborou este 2012 unha serie de 25 novos capítulos dunha duración entre 4 e 5 minutos, nos que se reflexiona sobre problemas da actualidade internacional.
Fonte: Galicia Hoxe