Deixamos a mensaxe de Brett Bailey, para o Día Mundial do Teatro 2014, á espera do Manifesto Galego

Á espera Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro que lerá Camilo Franco durante a cerimonia dos XVIII Premios María Casares no Teatro Rosalía Castro, deixamos  amensaxe de Brett Bailey. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia escolleu este ano a Camilo Franco polo seu traballo pola visibilidade da escena do país.

Onde quer que houber sociedade humana, o Espírito irreprimible da Representación maniféstase.

Baixo as árbores de pequenas aldeas, e sobre os sofisticados escenarios das grandes metrópoles; nas entradas das escolas e en campos e en templos; en suburbios, en prazas públicas, en centros socio-culturais e nos subsolos das cidades, a xente reúnese en comuñón arredor dos efémeros mundos teatrais que creamos para expresar a nosa complexidade humana, a nosa diversidade, a nosa vulnerabilidade, en carne e óso, e alento, e voz.

Reunímonos para chorar e para recordar; para rir e contemplar; para aprender,  afirmar e imaxinar. Para marabillarnos ante a maña técnica, e para encarnar deuses. Para deixarnos sen alento ante a nosa capacidade para a beleza, a compaixón e a monstruosidade. Imos para nos encher de enerxía e poder. Para celebrar a riqueza das nosas diferentes culturas, e para facer desaparecer as fronteiras que nos dividen.

Nacido da comunidade, leva postas as máscaras e as vestimentas das nosas distintas tradicións. Utiliza as nosas linguas, ritmos e xestos, e abre un espazo entre nós.

E nosoutros, os artistas que traballamos con este antigo espírito, sentímonos impulsados a canalizalo a través dos nosos corazóns, das nosas ideas e dos nosos corpos para revelar as nosas realidades en toda a súa mundanidade e o seu refulxente misterio.

Pero, nesta época na que tantos millóns de persoas loitan por sobrevivir, sofren baixo réximes opresivos e o capitalismo depredador, foxen do conflito e das dificultades; na que a nosa vida privada é invadida por servizos secretos e as nosas palabras son censuradas por gobernos intrusivos; na que os bosques están sendo aniquilados, as especies exterminadas e os océanos envelenados: que nos sentimos obrigados a revelar?

Neste mundo de poder desigual, no que distintas ordes hexemónicas intentan convencernos de que unha nación, unha raza, un xénero, unha preferencia sexual, unha relixión, unha ideoloxía, un marco cultural é superior ao resto, pódese realmente defender a idea de que as artes deberían afastarse das axendas sociais?

Nosoutros, os artistas de  escenarios e ágoras, conformámonos coas demandas asépticas do mercado, ou utilizamos o poder que temos: para abrir un espazo nos corazóns e as mentes da sociedade, para reunir xente ao noso redor, para inspirar, marabillar e informar, e  crear un mundo de esperanza e colaboracións sinceras?

Tradución de Sandra Romaris e Xocas López para Eme2.