Déixanos Chavela Vargas

A cantante mexicana de orixe costarriqueña Chavela Vargas morreu onte debido a un paro respiratorio despois de que esa mesma mañá se agravara o seu estado de saúde, dixo a Efe o seu médico, José Manuel Núñez.

“Ela estivo moi consciente ata o último momento, e expresou bos desexos para que México, que está moi convulsionado, mellore e dixo que leva os mellores recordos e os aplausos do seu público”, explicou Núñez.

A artista, de 93 anos, faleceu ás 12.55 hora local (17.55 GMT) debido a unha insuficiencia respiratoria aguda, a unha bronconeumonía crónica e unha falla renal crónica agudizada, precisou o especialista responsable da súa atención.

O galeno indicou que a artista faleceu moi serena e tranquila, recordando “o seu México” nos seus últimos momentos e a toda a súa xente, e en particular agradeceu aos medios de comunicación e a todas as persoas polo seu apoio.

A artista, cuxo nome real é Isabel Vargas Lizano, estivo hospitalizada desde o domingo pasado e atendida polo equipo médico encabezado por José Manuel Núñez no hospital Inovamed de Cuernavaca, capital do central estado de Morelos.

Unhas horas antes da súa morte, o médico informara que a intérprete amencera con maiores dificultades respiratorias, debido á súa afección pulmonar, aínda que se mantivo esperta e consciente en todo momento.

O médico explicou que non lle puideron aplicar un respirador artificial debido a que a artista se opuxo desde o primeiro momento a métodos invasivos.

“A súa decisión é respectable e eu non podo invadila sen a súa autorización”, sinalou Núñez unhas horas antes da morte.

A cantante chegou a México o 26 de xullo logo de case un mes en España, onde viaxou para ofrecer un recital con temas do disco que dedicou ao poeta Federico García Lorca, titulado “La luna grande”, e para presentar as súas memorias.

Este esforzo pasoulle factura e o 12 de xullo foi internada nun hospital da capital española, no que estivo ata o 21 do mesmo mes.

Fonte: Galiciaé