Dimite o presentador Alfonso Hermida de TVG por discrepancias informativas

Alfonso Hermida, editor e presentador do telexornal da tarde de TVG, presentou onte a súa dimisión en ambos os postos tras unha longa serie de desencontros profesionais coa dirección de informativos da cadea. O último, segundo explicaron fontes da canle autonómica, foi o tratamento da noticia da ocupación das instalacións da compañía, o pasado venres, por unhas 150 persoas afectadas polas participacións preferentes das antigas caixas de aforros.

Hermida, un dos rostros máis coñecidos de TVG, xa chocara coa dirección da cadea fai uns meses, cando, xunto á súa compañeira Ana Pérez, escenificou un telexornal en plena rúa, nun dos actos de protesta durante unha folga dos traballadores da compañía pública. Ademais dese episodio, segundo fontes da televisión autonómica, Hermida mantivera desde fai tempo diversas discrepancias “estritamente profesionais” coa dirección de TVG, que culminaron o pasado venres co tratamento dado no informativo que el dirixe á ocupación das instalacións da cadea que protagonizou un grupo de afectados polas participacións preferentes dos bancos. Hermida preferiu non ofrecer explicacións públicas.

Con respecto aos incidentes do pasado venres, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Esquerdo, abriu o sábado un expediente informativo para depurar responsabilidades en tales feitos, “desde a convicción de que para a perpetración de tal desatino (o asalto) resulta necesaria a complicidade ou colaboración, activa ou pasiva, de persoal propio da CRTVG”.

O comité interempresas denunciou que con este expediente a dirección da compañía “pretende desviar a atención sobre a súa gravísima abandono de responsabilidades” e anuncia que vai acudir aos tribunais para denunciar “a calumnia” da “necesaria complicidade ou colaboración” do propio persoal da compañía.

Os sindicatos denuncian á súa vez que Sánchez Esquerdo, “en lugar de permanecer no interior das instalacións nos momentos máis graves do conflito, como era o seu deber, optou por protexer a súa integridade, xa que foi visto por varios traballadores na contorna do centro de San Marcos xusto no momento de maior tensión”.

 

Fonte: El País