Dispoñíbel unha ferramenta de balde para achegarnos ao enoturismo galego a través dos móbiles

Turismo de Galicia, Turgalicia, presentou este mércores 13 de febreiro unha nova ferramenta para a promoción do enoturismo e a enogastronomía botando man dun recurso que se afianza cada vez máis entre os viaxeiros que percorren a nosa terra: os teléfonos intelixentes. O recurso dado a coñecer poderase descargar de balde, previa introdución dos termos “enoturismo” e “galicia”, para iPhone, trebellos con Android ou Blackberry. O servizo inclúe tres linguas de uso, galego, castelán e inglés, e achega información de utilidade subministrada polas asociacións das Rutas dos Viños de Galicia, correspondentes a cada unha das Denominacións de Orixe Protexida vitivinícolas galegas: Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra, Ribeiro e Rías Baixas.

Os datos, que foron complementados e avaliados en detalle por Turgalicia, serven entre outras cousas para amosarnos en detalle as características de cada D. O, dos contornos xeográficos que abranguen e dos seus caldos.

Un dos piares sobre os que se apoia o servizo é a tecnoloxía GPS que vén inserida nos devanditos móbiles. Grazas a ela, achégase a localización do usuario de xeito inmediato e exacto e, a partir de aí, a dirección que ten que tomar para chegar ao seu destino enolóxico ou enogastronómico, “superándose con isto as dificultades de sinalización dada a complexidade xeográfica e orográfica do territorio”, sinalouse na presentación do servizo, no que participaron a secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro, e máis a xerente de Turgalicia, Carmen Pita. Outra das características da ferramenta na que fixeron fincapé é no proceso de optimización informativa ao que está sometida de continuo. Así, fixeron saber, “a información actualízase en tempo real cada vez que se introduce nova información na web de Turismo de Galicia, dado que esta aplicación está deseñada para ler inmediatamente a información da base de datos de Turgalicia, cousa que permite que as actualizacións sexan continuas e que a ferramenta goce da axilidade e flexibilidade necesarias para afrontar os rápidos cambios tecnolóxicos do sector turístico”. Segundo explicou a secretaria xeral durante a presentación, “con esta acción, Turismo de Galicia consegue situar á nosa comunidade autónoma como unha das primeiras que deseña un proxecto de promoción integral para o desenvolvemento de todo o noso sector enoturístico usando as máis actuais tecnoloxías”.

Pulo á enogastronomía

Segundo explicou Nava Castro, a iniciativa presentada insírese no Primeiro Plan de Enogastronomía de Galicia, un programa de acción que combina o pulo a nivel internacional do noso sector vitivinícola e gastronómico. A secretaria xeral tamén salientou a aposta pola Calidade Turística de Galicia e a súa incidencia no eido enoturístico. “Ademais de ser a Comunidade Autónoma Española na que máis medrou a cifra de establecementos certificados coa Q de Calidade Turística e de ser líder no sector de balnearios, turismo rural ou turismo activo, somos tamén a primeira comunidade en certificacións Q de Calidade Turística no sector do Turismo Industrial porque 9 das 11 adegas certificadas de España co distintivo Q están en Galicia, o 81,8 por cento”, dixo.

Fonte: Codigocero