Entregados os Premios da Edición 2012
Fina Casalderrey recolleu de mans de Tucho Calvo, de Biblos, o recoñecemento dos editores pola súa traxectoria como escritora. Morgana en Esmelle, editado por Galaxia, de Begoña Camanho, foi o libro gañador na categoría de ficción. A imaxe da Noite da Edición foi unha fotografía coas luces que iluminan a noite do mar de Vigo, realizada distorsionando os efectos desa luza na auga, realizada por Illa Bufarda.
Alfonso Zulueta de Haz recolleu o Premio outorgado polos editores á Fundación Penzol, entregado por Carlos del Pulgar, Director de Nova Galicia Edicións. Os editores de Edicións do Cumio, Editorial Toxosoutos e Teófilo Edicións, que foron homenaxeados polo seu XXV aniversario, agradeceron o acto á entidade e lembraron a súa traxectoria ao longo destes anos. No transcurso do acto houbo varios momentos cargados de contida emoción, un deles cando Cándido Meixide deu lectura a un texto escrito por Francisco Villegas, Director de Edicións do Cumio, no que repasaba a traxectoria da editora durante os seus vinte e cinco anos de vida. Outro deses momentos foi protagonizado por Manuel Torneiro, que acompañou a Paz Castro, de Kalandraka, a recoller o premio outorgado ao seu poemario Os ángulso da brasa.
O Presidente da AGE fixo referencia ás enormes dificultades que está a vivir o sector e manifestou a vontade de que a entidade continue traballando para reforzarse e abordar colectivamente os retos para os próximos anos. O acto finalizou coa proxección dun vídeo de homenaxe dos editores a Francisco Fernández del Riego. O audiovisual foi realizado por Illa Bufarda e patrocinado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Dende hai catro anos GADIS participa como firma colaboradora da Noite da Edición.
Oito anos de Premios da Edición
Os Premios da Edición, convocados pola Asociación Galega de Editores, pretenden recoñecer e distinguir a excelencia do traballo editorial realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2012 en Galicia. Asistiron á Noite da Edición o Secretario Xeral de Cultura e o Concelleiro de Cultura do Concello de Vigo.
O xurado dos Premios da Edición do ano 2012 estivo formado por Xaime Nogueira, Montse Pena Presas, Concha Costas, Paz Raña Lama e Laura Caaveiro.
PREMIADOS
Premio Ánxel Casal ó Libro de ficción
Morgana en Esmelle, editado por Galaxia, de Begoña Caamaño
Premio Ánxel Casal ó libro de non ficción
O rastro que deixamos, editado por Xerais, de Agustín Fernández Paz
Premio Ánxel Casal ó Libro de poesia ou teatro
Os ángulos da brasa, editado por Kalandraka Editora, de Manuel Torneiro.
Premio Isaac Díaz Pardo libro ilustrado
Cartas de inverno. Novela gráfica, editado por Xerais, ilustrado por Antonio Seixas.
Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil
O corazón de Xúpiter, editado por Xerais, de Ledicia Costas.
Premio Lois Tobio o libro traducido
Alén das fronteiras: sete poetas vascos, editado por Kalandraka, traducido por Isaac Xuvin.
Premio Xosefa Vilarelle ó libro educativo
Peixes. Cociña Infantil. Editado por Ouvirmos, de varios autores.
Premio Xosé María Álvarez Blázquez
Fina Casalderrey
Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial co que se pretende recoñecer o traballo editorial durante o ano 2012
OQO films
Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2012
Fundación Penzol
Fonte: AGE