Ferrín non fala “nun espazo que se pecha á xente”

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, decidiu este xoves solidarizarse cos afectados polas participacións preferentes e abandonar o Auditorio de Novagalicia Banco en Pontevedra, onde se están a celebrar conferencias da Semana Galega de Filosofía, tras o peche deste espazo por parte da fundación do banco.

Afectados polas referentes manifestáronse esta tarde, antes da conferencia, fronte o Auditorio de Novagalicia Banco. A policía e outros axentes de seguridade privada do espazo decidiron, entón, pechar as portas.

Ofrecer os micros

A Aula Castelao, que é un foro aberto, negociou entre representantes dos afectados e os responsables da seguridade, co fin de ofrecer os micros e permitir que os afectados se expresaran e comunicaran o que lles parecera oportuno. Sen embargo, Méndez Ferrín decidiu trasladar a conferencia prevista por negarse a falar “nun espazo que se pecha á xente”.

Os afectados polas preferentes levan toda a semana de mobilizacións. Tamén se manifestaron no Parlamento de Galicia e diante da CRTVG. Con todo, o presidente da Xunta aínda non os recibiu.

Frases destacadas

Estas foron algunhas das frase da conferencia de Ferrín:

Os fascismos empregaron sempre con fruición o termo Occidente.

O capitalismo sen freo chegou á perfección da catástrofe.

Hoxe no mundo existe só unha civilización, pola unificación da ciencia. Polo tanto non se pode falar de Alianza de Civilizacións.

Despois da explicación do mundo dende o mito, despois dende o pensamento libre e agora dende unha ciencia positiva que homoxeneiza ao humano baixo o patrón de Occidente, claro. Morreu a diversidade.

En Europa houbo revolucións que derivaron nun proceso de pensamento que despois se constituíron como universais.

A humanidade prodúcese en forma de nación: non existe un ser humano a-nacional.

A lingua é a forza e sentido profundo da cultura dunha nación.

O populismo planetario pode ser unha alternativa ao capitalismo que campa actualmente polo mundo.

O proceso marxista pasa polo acto de expropiación da ciencia burguesa e por poñela ao servizo da humanidade.