Ferrín pide aos deputados unha emenda para que o galego non sexa unha lingua de ”cuarta fila”

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luis Méndez Ferrín, pediu hoxe a todos os deputados galegos que apoien unha “emenda poderosa” contra os Orzamentos Xerais do Estado que deixe sen efecto o trato “discriminatorio” dos recortes do Ministerio de Cultura á lingua galega.

En declaracións aos medios de comunicación á saída dun acto institucional na Deputación de Lugo, Ferrín mostrouse moi crítico coa rebaixa do 62 % do Goberno central na súa asignación anual á institución, que só recibirá 380.000 euros, cando as entidades homólogas en Cataluña e o País Vasco disporán de máis de 700.000 euros porque o recorte non pasará do 23 %.

Nese sentido, o presidente da RAG lamentou que o galego sexa tratado como unha lingua de ”cuarta fila”.

“A primeira nestes orzamentos é o castelán, e ata se pode entender que así sexa. A segunda é o catalán, a terceira é o vasco e o galego é de cuarta fila. Así nos consideran e así se consideran moitos galegos a si mesmos, de cuarta fila”, queixouse o presidente da RAG.

Méndez Ferrín expresou o seu desexo de que no Congreso dos Deputados “haxa unha emenda poderosa, apoiada por unanimidade e co consenso de todos os deputados galegos, tanto do PP, como do PSOE e do BNG”, para que “consiga facer desaparecer estes números discriminatorios”.

“Non estamos en contra dos recortes. Estamos nunha época difícil e, se hai rebaixas, que as haxa para todos. Pero non para uns máis e outros menos”, apostilou Méndez Ferrín, para quen esta situación “non é aceptable” nin para os membros da academia nin “para ningún galego de ben”.

Fonte: Galiciaé