Galicia, Euskadi e Cataluña reúnense para impulsar accións conxuntas de promoción do uso das linguas cooficiais

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiron hoxe na Cidade da Cultura de Galicia os titulares de Política Lingüística dos gobernos do País Vasco e de Cataluña, Patxi Baztarrika e Ester Franquesa, respectivamente. Fixérono no marco da reunión anual de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística no que participan a Xunta de Galicia, a Generalitat de Cataluña e o Gobierno Vasco-Eusko Jaurlaritza.

A orde do día da xuntanza de traballo centrouse na ratificación do interese das partes en acadar os obxectivos establecidos no Protocolo de colaboración en materia de política lingüística, asinado en 2007 polos gobernos de Galicia, do País Vasco e de Cataluña, dentro do que se outorga o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado, que ten como obxectivo recoñecer o labor realizado por persoas, entidades ou empresas que contribúen á promoción e á incorporación da diversidade lingüística en España.

Así mesmo, abordáronse outros temas de interese común a prol da promoción do uso das linguas galega, catalá e vasca, tales como un futuro acordo co Goberno do Estado, por medio do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, para o recoñecemento mutuo das probas de acreditación de competencias para o exercicio da profesión de tradutor/a xurado/a e intérprete; o indicador lingüístico ISBN ou o informe sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias durante o período 2010-2013, acordando neste punto facer un seguimento conxunto do informe final ao Consello de Europa.

Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD)

A Xunta de Galicia, o Gobierno Vasco-Eusko Jaurlaritza e a Generalitat de Cataluña participan tamén na Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (Network to Promote Linguistic Diversity, NPLD), proxecto no que levan a cabo diferentes accións conxuntas que redundan na promoción do uso das linguas galega, vasca e catalán cuxo seguimento foi tamén tratado na orde do día da xuntanza de hoxe. Valentín García, Ester Franquesa e Patxi Baztarrika puxeron en común diferentes vías de impulso ás linguas propias dos seus respectivos territorios no mapa de ruta europeo para a diversidade lingüística.

Cooperación autonómica a prol do galego, catalán e éuscaro

A Consellería de Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais os departamentos homólogos de Cataluña e Euskadi, manteñen un diálogo permanente no tocante á promoción das respectivas linguas propias no marco dunha participación conxunta en diversos proxectos.

Fonte: Xunta