Guitiriz loita para que o poeta Díaz Castro protagonice o Día das Letras Galegas do 2014
Díaz Castro 2014. Ese podería ser, nun breve e quizais inexacto eslogan, a definición que asociacións e entidades de Guitiriz están a artellar para que o Día das Letras Galegas do vindeiro ano se lle dedique a Xosé María Díaz Castro (1914-1990).
Nado na parroquia dos Vilares e enterrado en Guitiriz, vila á que volveu para pasar os derradeiros anos da súa vida tras unha estadía en cidades de Galicia e doutras comunidades, Xosé María Díaz Castro é coñecido polo seu poemario Nimbos, que goza dun amplo prestixio na historia da literatura galega contemporánea.
A achega máis inmediata nesa campaña que reclama o recoñecemento da Real Academia Galega para o poeta terá lugar pasado mañá, precisamente no instituto que leva o nome do autor de Nimbos. Alí presentarase o documental A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro, realizado por alumnos do centro.
O traballo inclúe ademais a participación da profesora Sandra Tenreiro, que puxo música a varios poemas, e do alumno David Gómez, que fixo unha versión rap dun texto de Díaz Castro. O documental hase presentar logo noutras cidades galegas para espallar esa visión do poeta dos Vilares.
Fonte: La Voz de Galicia