Héctor Cajaraville recibirá no Culturgal o Premio Meiga Moira 2016

Baía Edicións fará entrega do 7.º PREMIO MEIGA MOIRA de literatura infantil e xuvenil o próximo día 3 de decembro ás 11:30 h. na Culturgal Feira das Industrias Culturais. O premio será entregado a HÉCTOR CAJARAVILLE pola súa obra DENÉBOLA, A ROXA. Contaremos coa presenza de Andrea Maceiras, en representación do Xurado, e Belén López, Directora Editorial de Baía Edicións.

O Xurado, formado polas escritoras Andrea Maceiras (gañadora dos 4.º Premio (2010) e 6.º Premio (2014) coa obras Violeta tamurana e Miña querida Sherezade, respectivamente) e Conchi Regueiro, María Dores Fernández López,  profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, a tamén escritora Marica Campo, que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o martes  día 11 de outubro de 2016 resolveu conceder por unanimidade o 7.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema “Briolanxa”.

Abertas as plicas, a mesma resultou corresponder a presentada polo escritor compostelán Héctor Cajaraville Araujo, que leva como título Denébola a Roxa e proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos.

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:

«Denébola a Roxa é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, ambientada no século XVII que relata o desafío dunha muller afouta nun mundo de homes.

A protagonista, Denébola, que comparte nome coa estrela máis brillante da constelación de Leo, loitará pola procura dun destino máis luminoso que o que seu pai elixiu para ela.

Marcada desde o nacemento pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, tentará rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas da súa propia vida».

A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.

Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que catorce alcanzaron a selección final, o que evidencia máis unha vez o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.

Comentario do libro:

O 15 de marzo de 1600, o mesmo día en que fai quince anos, Denébola recibe a noticia de que o seu pai decidiu enviala como noviza a un convento de clausura. Pero a moza, que comparte nome cunha das estrelas máis brillantes da constelación de Leo, loitará por un futuro máis luminoso ca este que o seu pai, o poderoso señor de Mourentán, elixiu para ela.

Marcada pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas do seu destino. Na súa viaxe á procura da liberdade acabará chegando a América, un Novo Mundo no que todo está por facer e onde é posible converter en realidade o soño de trazar o seu camiño na vida.

Denébola a Roxa é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, que relata o desafío dunha muller brava nun mundo de homes. Un exemplo de como a afouteza e a perseveranza conseguen derrubar todas as barreiras.