Isabel Coixet recordará a traxedia do «PRESTIGE» nun documental

A cineasta Isabel Coixet rescatará, no seu próximo documental, a crise do Prestige e a marea negra nas costas galegas, ao cumprirse dez anos do desastre ecolóxico e nun momento en que a directora catalá cre que «persoas que cometeron entón erros volven estar no Goberno».

A recente gañadora do premio Goya ao mellor documental reafirma con este proxecto a súa confianza neste xénero e na temática ambiental, que explorou no 2011 co seu traballo Aral, the lost sea, que se estrea en Estados Unidos.

A directora barcelonesa pasou os últimos días na Costa da Morte, segundo informa a edición de Carballo de La Voz. Coixet e membros da súa produtora estableceron a súa base en Fisterra (aloxáronse no Ínsula Finisterrae) e movéronse por varios municipios, gravando testemuños a varios personaxes en Corcubión, Carnota e Muxía. «É unha historia sobre os voluntarios do Prestige, pero é imposible falar diso sen relatar os erros políticos de afastar o barco da costa sen escoitar voces con experiencia e sentido común que dicían que debía achegarse», alega Coixet.

«As cousas deben recordarse», explicou, e para iso atopou no xénero documental unha forma de «estar en contacto coa realidade sen toda a artificialidad que implica unha gran rodaxe». A autora de filmes de ficción como Mi vida sin mí confía en que, a través do documental, poderá «incorporar todo o que a sociedade está vivindo, o fin do Estado do benestar e de cousas que se daban por feito ata agora».

En Galicia, esta semana entrevistou a un asiático que chegou a España para facer de voluntario na crise do Prestige do 2002 e quedou a vivir no país. É, como o mar de Aral, de Uzbekistán: casualidades con puntos en común, opina Coixet.

 

Fonte: La Voz de Galicia