Loita lingüística entre a RAG e A Mesa

Un recente estudo advertía esta semana dos serios perigos aos que se enfronta o galego, con tan só un 13% dos rapaces entre 5 e 13 anos que teñen como primeira lingua o galego, fronte a máis dun 50% que usa xa como única lingua o español. E, fronte esa dura e difícil situación para o futuro da lingua, dúas entidades da relevancia da Real Academia Galega (RAG) e A Mesa pola Normalización Lingüística manteñen camiños diferentes e, mesmo enfrontados, nesa necesaria unión que precisa a lingua nestes duros momentos.

Desta volta foi o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, quen cargou duramente contra A Mesa e os seus procedementos. “Todos os que non pensan como eles son imbéciles e escuros”, criticou hoxe en alusión a un verso do himno de Pondal. “E non hai que chamarlle a ninguén imbécil nin escuro”, engadiu.

Por iso, insistiu na necesidade de que se empregue a “pedagoxía da persuasión”. “O galego non é do Bloque, nin de Esquerda Unida, nin dos comunistas, nin dos de dereitas. Cando os que máis din defender o galego saiban que é de todos,  será bo”, engadiu nunha entrevista na Radio Galega.

As diferencias entre a RAG e A Mesa veñen de lonxe e se agudizaron tras a elección de Alonso Montero coma presidente da Academia Galega. Desde A Mesa entenden que a militancia comunista de Alonso Montero nunha formación non nacionalista como é EU, non suscita confianza ao entender que esta formación é “españolista”. Pola súa banda, non é primeira vez que desde EU acusan á Mesa de ser o “brazo lingüístico” da UPG e de tentar “torpedear” todo o que non teña que ver coa súa “ortodoxia lingüística”.

De feito, Alonso Montero inseriu nesta estratexia do partido que dirixe Francisco Rodríguez a oposición do BNG na dedicación do Día dás Letras Galegas de 2015 a Xosé Filgueira Valverde. Neste sentido criticou o “sectarismo” e o “fanatismo” dos que criticaron dita dedicación e suliñou que “non hai biografías inmaculadas”.

Críticas á Xunta

Con todo, o presidente da RAG responsabilizou da actual situación do galego ao Goberno galego. “Quen máis responsabilidade ten é a Xunta”. “Debería facer un pronunciamento público, desde as máis altas autoridades, sobre a enquisa do coñecemento e uso do galego elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE)”, indicou.

Por iso, fixo un chamamento aos “axentes a favor do idioma” para “empezar a actuar” porque, mantivo, “a cultura debería ser a columna vertebral do país”.

Fonte: Galicia Confidencial