Máis de mil universitarios galegos poden ser expulsados por falta de pagamento

Detrás de cada número hai unha historia diferente, pero seguramente moitas terán en común a ditosa crise e as súas perniciosas consecuencias. Aínda que Galicia non subiu as taxas universitarias en primeira matrícula, o aumento dos prezos das seguintes convocatorias, o endurecemento dos requisitos das bolsas do Ministerio de Educación este curso e a difícil situación pola que pasan moitas familias elevaron a falta de pagamentos de matrícula nas tres universidades, que actualmente afectan xa a máis dun milleiro de alumnos. Nestes momentos hai en concreto 1.170 alumnos que, de non pagar as súas taxas, veranse obrigados a abandonar os seus estudos. E é que para poder matricularse no curso seguinte ou para realizar outro trámite administrativo é necesario non ter pagamentos atrasados.

Os datos máis rechamantes son os da Universidade da Coruña, xa que aínda que confían en que as cifras baixan nas próximas semanas, pasaron de 79 a 194 falta de pagamentos nun ano. O reitor da UDC, Xosé Luís Armesto, recorda que «non sabemos as situacións persoais de cada alumno pero detrás de moitos impagos está o paro familiar», informa María Vidal. Na Universidade de Santiago, aínda que tamén con datos provisionais, a subida é significativa, pasando de 314 estudantes a 500 no curso actual. Finalmente, en Vigo o repunte produciuse o pasado ano, con 601 alumnos pendentes de pagamentos de matrícula tanto en graos como nas vellas licenciaturas, e este ano a cifra baixou a 476.

Unha parte do pagamento

En moitos casos os alumnos non deben toda a matrícula senón algún prazo da mesma. Por exemplo, na Universidade de Vigo están afectados por falta de pagamento 476 alumnos, o 2,16 % do total, pero a cantidade que deben é só o 1,05 % do importe do recadado en matrículas, é dicir, que abonaron parte das taxas. En Vigo a institución académica ten aínda pendente de cobro 151.000 euros. En Santiago, por exemplo, reclamouse a 2.553 alumnos e xa só 500 están pendentes de pagamento.

Fonte: La Voz de Galicia