Miles de manifestantes en Santiago en defensa da “lingua que nos une”

Miles de cidadáns acodiron este domingo á chamada da plataforma Queremos Galego a manifestarse en Santiago en defensa do galego baixo o lema ‘Pola lingua que nos une. Queremos galego na escola’. A plataforma, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística e conformada por máis de 700 entidades, pide a derrogación do coñecido como decreto do plurilingüismo e a retirada do proxecto da LOMCE, que os detractores denominan “lei da Wertgoña”.

A manifestación, para a que a organización fletou autobuses desde localidades das diversas bisbarras de Galicia, empezou con case media hora de retraso sobre o horario previsto, as 12:00 horas. A protesta é apoiada por líderes dos partidos da oposición, PSdeG, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) e Bloque. Participaron na manifestactón os socialistas Pachi Vázquez, Xoán Caamaño, Carmen Gallego, Méndez Romeu, Sánchez Presedo ou Carlos Fernández; Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, de Alternativa, e os nacionalistas do BNG Francisco Jorquera, Guillerme Vázquez, Carlos Aymerich ou Bieito Lobeira.

Ao remate do acto, os milleiros de manifestantes encheron a praza da Quintana, na que non houbo palco de oradores como noutras ocasións, debido, segundo a plataforma, a que o Concello pediu 600 euros. Esta actitude das autoridades municipais foi criticada e interpretada como a vontade de impedir a protesta. Os responsables afirmaron que denunciarán os feitos ante os tribunais. O palco, nesta ocasión, substituíuse por unha pequena carpa no alto das escaleiras da praza da Quintana, a carón da casa da parra.

O acto finalizou co himno galego e os líderes recordaron que é a primeira manifestación en defensa do galego que se celebra sen a presencia do histórico Avelino Pousa Antelo.

A OPOSICIÓN, CONTRA A POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA XUNTA

Toda a oposición galega rexeitou as medidas de Feijóo en materia lingüística e esixiu a derrogación do “decretazo”.

PACHI VÁZQUEZ

En declaracións aos medios de comunicación, segundo informa Europa Press, momentos antes da marcha, o secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, considerou “incrible” que os galegos “teñan que estar loitado contra un goberno que debería ser o encargado de defender” o idioma galego. Considerou que a pesar das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulan parte de dous artigos do chamado decreto do plurilingüísmo, “segue habendo unha persecución por parte do Goberno” á lingua galega.

JORQUERA

O portavoz do BNG na Cámara galega, Francisco Jorquera, criticou que a Xunta se empeñe en seguir aplicando” este decreto que “condena ao galego á marxinalidade no ensino” pese “á opinión contraria de toda a comunidade educativa e da cidadanía”.

Respecto diso, Pachi Vázquez pediu ao Executivo de Núñez Feijóo que “deixe de usar a lingua galega como unha ferramenta de confrontación política” e avogou por “buscar de novo consensos” a través da lingua como elemento que “debe de unir”.

BEIRAS

o portavoz parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, cualificou aos gobernantes do Partido Popular de “nazinecios” que “cren que toda a produción da cultura galega desde fai máis de mil anos é unha arte dexeneradora”.

Neste sentido, para Xosé Manuel Beiras, o Partido Popular de Galicia ten o “problema dos colonizados” que, como indicou, maniféstase no “autoodio e o desprezo aos valores do seu pobo”.

“Eles non forman parte deste pobo, son unha excrecencia que parasita as enerxías deste pobo”, reprochou Beiras para indicar que “é a cidadanía quen está a sacar adiante a este país mentres eles ponlles o freo”.

Así mesmo, augurou que “terán o seu castigo moi pronto” pois “non hai quen poida pelexar contra un pobo en pé permanentemente”, polo que considerou que o PP “está condenado ao fracaso, como fracasan as súas políticas antisociais e os seus auténticos crimes contra a cidadanía”.

Na manifestación, Beiras estivo acompañado pola viceportavoz parlamentaria de AGE, Yolanda Díaz, e diversos deputados como Antón Sánchez ou Xabier Ron.

Xunto a iso, o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, considerou que “a principal demostración da actitude con respecto ao idioma de Feijóo” está en “o proxecto de orzamentos da Xunta que estes días se debate no Parlamento”.

“Nel, os recursos para as políticas de impulso do galego e de normalización lingüística redúcense a unha cantidade que equivale a un terzo do que se asignaba hai 20 anos cando o presidente da Xunta era Manuel Fraga”, criticou.

Ante estas cuestións, Jorquera censurou que “a actitude lingüicida de Feijóo” correspóndese “coa súa política de destrución da cultura galega” e “o tecido produtivo do país”. Ademais de Jorquera, á marcha acudiron numerosos dirixentes do BNG, como o portavoz nacional Guillerme Vázquez, ou as deputadas Ana Pontón, Montse Prado e Carme Adán.

Fonte: GaliciaHoxe

Foto: J. Seoane. Galicia Hoxe