Música e poesía na Feira do Libro da Coruña

Despois do taller de ilustración da natureza, realizado onte por Calros Silvar, onde tivemos a oportunidade de aprender moitas cousas sobre O Carballo, hoxe, ás 21:00 horas, Correa Corredoira lerá  poemas do último libro, Resina de poliéster, acompañado á guitarra de Pocho Taxes. Xavier Seoane fará a interpretación crítica da obra.

QUE DOUS RAPACIÑOS SE BEIXEN É PROBLEMA

pero que saquen feras bocadas no recreo non.

A traballadora preñada é despedida;

e a que non cede ao asedio do xerente.

Non se sabe de ningún futbolista maricas.

Estas cousas acaecen nos nosos estadios,

fábricas, oficinas, escolas, hospitais,

polos pasos soterrados e nas azoteas,

nas tribunas públicas e mais nas latrinas

dun civilizado construír en torno da cova

de Lascaux. Cova onde hai un pozo escuro

e na fondura do pozo, un muro pintado.

Na pintura (primeiro relato no espazo

albo da paisaxe) un cazador coa cabeza

de paxaro, deitado, corpo e pixa tesos,

ante un touro agoniado coa tripada

de fóra, descobre, di Bataille, o pecado:

O negocio da morte coa luxuria enzoufa

o seu espírito voador… E avergoñado,

agacha experiencia no fondo do pozo

da caverna que mana a mancha da historia,

a lóbrega conciencia, a tétrica moral

que ritualiza castigos con forca, azagaias,

paus, cravos, coitelos, machado, guillotina,

fusil, pistola, lume, gas, terra, auga, pedras,

muro, frechas, garrote, cadeira eléctrica,

Que dous rapaciños se beixen é problema…