Natalia Carou Figueira gaña o Vilar Ponte de Novela con ‘O mal querer’

Natalia Carou Figueira resultou a gañadora da segunda edición do Premio Vilar Ponte de Novela, concedido polo Concello de Viveiro. A obra ‘O mal querer‘ foi distinguida polo xurado por tratarse “dunha novela redonda, moi dura, que retrata a sociedade actual onde a violencia, o machismo, a droga, o maltrato, o acoso escolar, a manipulación mediática, os poderes fácticos, e, sobre todo, o desamor ou desafecto se xuntan nun cóctel destrutor no que se ve atrapado o lector”.

O segundo premio foi para Ramón Carredano Cobas, coa obra ‘Qwerty‘, que segundo o xurado é “dunha lectura que pode resultar máis complexa debido aos saltos temporais do pasado, presente e futuro (o soño da viaxe no tempo). Destaca a sensibilidade sensual e poética (sabores, olores) combinando o respeto á natureza có progreso e os avances da ciencia”.

O xurado estivo composto por tres persoas vinculadas ao ámbito literario e cultural e un representante do Concello de Viveiro que actuou como secretario con voz e sen voto: Carlos Nuevo Cal (cronista oficial viveirense e mestre), Xoán Neira López (mestre e escritor), María Donapetry Camacho (profesora e escritora), e Rosario San Isidro, traballadora municipal.

Carou Figueroa sucede así no palmarés do premio, con 4.000 euros para a gañadora, a Adolfo Caamaño. O acto de entrega de premios será o xoves 5 de decembro de 2019 no Teatro Pastor Díaz de Viveiro ás 20.30 horas.

Parabéns Natalia!!

Fonte: Xornal da Mariña