Neste inicio de curso recordamos a María Barbeito, a súa vida ao servizo da escola

Dinamizadora de actividades docentes e extraescolares

Resulta difícil illar este tipo de actividades no conxunto das levadas a cabo por María Barbeito como mestra e directora, pois todas elas están intimamente unidas ao seu labor docente, pero queremos destacalas pola súa singularidade. Entre as actividades docentes están as relacionadas coas exposicións de traballos escolares, de carácter manual, que realizaban os párvulos e as seccións de nenas que estaban baixo a súa dirección . Ao longo de 30 anos, desde 1906, ao remate do curso escolar , nos espazos especialmente habilitados e decorados para a ocasión, o público coruñés podía visitar a exposición dos traballos realizados ao longo do curso. Foi unha iniciativa da mestra, de notable resultado e éxito popular, levada á práctica antes de que se convertese en obrigatoria como substitutiva dos exames suprimidos para eses niveis de ensino.

Durante anos, o alumnado das escolas públicas que máis destacara durante o curso recibía uns premios que, polo xeral, eran entregados nun acto ao que asistían autoridades e personalidades da cidade. Polo común, os premios eran entregados nas escolas Da Guarda, pero nalgunha ocasión o acto alcanzaba maior relevo e contaba coa presenza de autoridades e público. Este foi o caso do ano 1912, no que se realizou o acto de entrega de premios no teatro Rosalía de Castro coincidindo coa inauguración do novo curso; naquela ocasión María Barbeito foi designada pola Xunta Local de Primeira Ensinanza para pronunciar o discurso central do acto o día 22 de setembro.

A mensaxe final do discurso de María Barbeito tivo amplo eco entre os asistentes polas propostas formuladas pola mestra: a suxestión de que o Concello cambiase o destino das pesetas destinadas a estes premios:  La maestra Dª María Barbeito, con gran acierto, propuso transformar el beneficio del premio en creación de edificios puramente escolares, como campos de juego, casa de baños, salón de espectáculos, biblioteca pública y escuela de anormales.  Con esta proposta a oradora trataba de mellorar os servizos comúns do alumnado coruñés, poñendo de relevo o permanente desvelo e a loita interminable da mestra.

 

Texto do libro María Barbeito. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970)