Nunca Máis reactívase co xuízo do Prestige para gritar “contra a impunidade”
“Claro que é moi posible que volva haber outro Prestige”. Con esta contundencia, Xurxo Souto, un dos portavoces da plataforma Nunca Máis, deixou claros os riscos de que Galicia volva padecer unha catástrofe como a da que agora se cumprirán dez anos e que será xulgada o próximo día 16 na Coruña. Precisamente por iso, reactívase agora un movemento que protestará o mesmo día do xuízo para gritar “contra a impunidade” e esperando que se depuren todas as responsabilidades derivadas daquela catástrofe.
Nunha rolda de prensa convocada na Coruña, os portavoces da plataforma recoñeceron algúns avances, como a existencia de máis barcos anticontaminación ou menos buques monocasco, pero destacaron sobre todo os defectos que aínda existen no país respecto á prevención e á actuación no caso dun accidente semellante. “Non hai control vía satélite do corredor con maior tráfico marítimo que é o de Fisterra, o que provoca continuas alertas, mentres as competencias de control marítimo seguen sen transferirse a Galicia e levándose a cabo desde Madrid”, destacou Souto, que manifestou a “auténtica preocupación” de Nunca Máis ante a posibilidade “moi posible” de que outro Prestige afunda algún día nas costas galegas.
Ademais, Isabel Risco, outra das portavoces, destacou a importancia da plataforma e do movemento cidadán, que foron os que permitiron “os avances conseguidos” en materia de prevención e control, polo que chamou á poboación a que acuda á manifestación que se celebrará o próximo día 16, con motivo do comezo do xuízo, nas instalacións xudiciais “improvisadas” de Expocoruña a partir das 11 da mañá. Tanto Risco como Souto cualificaron de “heroes” aos dous avogados de Nunca Máis, Pedro Trepat e Miguel Anxo Fernández, presentes tamén na comparecencia.
O primeiro deles destacou que “é un alivio” que por fin se celebre o xuízo, pero incidiu tamén no feito de que “estadisticamente claro que pode haber outro accidente semellante”. Ademais, fixo fincapé no feito de que a “dilación indebida” da xuízo, case dez anos despois, será “unha atenuante de culpabilidade” que será “con toda seguridade” empregado polos imputados e que tamén lles reducirá a pena” de habela.
Para Trepat, á marxe das mellores técnicas e de prevención, o que si queda claro é que “de producirse novas desgrazas, os responsables políticos non se marcharían de cacería nin tomarían decisións oportunistas ou caprichosas, senón que se basearían en expertos e xente coñecedora do mar”. “Isto tamén é grazas a Nunca Máis”, engade.
Ademais, e sobre a presenza do ex ministro Álvarez Cascos no xuízo, Trepat aclara que López Sors, que era director xeneral da Mariña Mercante, “asumiu todas as decisións”, aínda que di ter “o convencemento” de que “estaba sacrificando a súa cabeza” en favor de superiores como o ex titular de Fomento.
En canto ás informacións da prensa que desvelan as intencións de varios cargos de abrigar o Prestige na Coruña, os avogados cren que a conversación feita pública “é moi reveladora” e “dará moito xogo” ao deixar claro que había máis opcións que a decida finalmente de afastar o buque e que acabou provocando unha enorme catástrofe ambiental.
Así, o patrón maior da confraría da Coruña, Manuel Cao, asegura que el “non metería o buque na Coruña” e destacou tamén que o porto exterior de punta Langosteira, vendido naquela época como porto refuxio, “non é tal”. “Non é seguro para meter un barco así”, asegurou, logo de advertir de que “se hai unha alarma como a do Prestige dentro de dúas horas, os mariñeiros seguirían sen ter os medios necesarios para deter a vertedura”.
Preguntados pola coincidencia do xuízo e das manifestacións coa campaña electoral, os portavoces aseguraron que non tiñan “culpa” de que se fixase esa data e advertiron do feito de que os xefes dos executivos dos que na actualidade dependen os galegos tivesen na época do Prestige altas responsabilidades. “A persoa que invoca agora á seriedade e ao bo facer é o mesmo que se gañou o alcume de ‘o señor dos hilillos’ polas súas declaracións”, dixo Xurxo Souto, en referencia a Rajoy, tras recordar tamén que Núñez Feijóo, presidente da Xunta, era entón vicepresidente con Manuel Fraga.
“Nós sabemos perfectamente quen é Rajoy e sabemos tamén ben que farían el e Feijóo tivésense que volver actuar”, aseguraron, tras negar que a manifestación convocada para cinco días antes dos comicios poida influír no resultado electoral.
Fonte: Eldiario