O 68% dos españois que ‘baixan’ libros de Internet non paga por iso

Só o 32% dos españois que descargan libros de Internet paga por iso. Ou, visto desde o outro lado, o 68% báixase os textos gratis da Rede. Así o sostén o Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros en España 2012, divulgado hoxe pola Federación de Gremios de Editores de España. “Crebouse a dinámica nunha parte da cadea do consumo cultural”, denunciou na presentación o presidente da entidade, Javier Cortés.

“O grave é que queda clara a ineficiencia do modelo oficial contra a piratería”, engadiu Cortés. Segundo calcula a industria editorial, o diñeiro que se deixa de ingresar debido a descargas non autorizadas ascende a 70 millóns de euros anuais, un 13% dos beneficios totais do sector, de 2.900 millóns: “É en grao sumo problemático, especialmente para os creadores e os pequenos autores que non poderían vivir sen unha remuneración xusta pola súa obra”.

Entre tramas policiais e fantasías sexuais anda o xogo dos lectores españois que si pagan os seus textos. E non cun libro senón con tres do mesmo autor e tema: Millenium e 50 Sombras de Grey. As dúas triloxías de Stieg Larson (editorial Destino) e E. L. James (Grijalbo) son as máis lidas e compradas polos españois, respectivamente, segundo o barómetro. Un estudo que sinala que a lectura de libros aumentou ao 63% dos españois (1,6% máis que en 2011), aínda que a media europea é do 70%. Os motivos que argumentan para non ler son principalmente a falta de tempo (48,8%) e porque non lles gusta ou non lle interesa (29,9%).

Esas son as preferencias literarias dun público cuxos índices de lectura xeral aumenta: o 92% (1,6% máis que en 2011) di ler, polo menos unha vez ao trimestre, nalgún medio, chámese libros, xornais, revistas, cómics ou en webs, blogs, foros en Internet e demais medios do ciberespacio. E o 58% xa o fai en soporte dixital, cun aumento do 5,5% respecto de 2011.

O que máis din ler os españois son periódicos (79,4%); séguenlle os libros (63%), logo revistas (47,6%), despois webs, blogs e demais espazos de Internet (46,9%) e finalmente cómics (13,2%). A lectura aumenta en todos estes medios pero especialmente no que ten que ver co ciberespacio onde creceu un 4,5%, respecto de 2010, cando era do 42,4%. Nesta liña de tecnoloxías emerxentes hai que destacar que o número de lectores de ebooks chega xa ao 11,7% entre os maiores de 14 anos.

A enquisa, que se realizou por teléfono a 6.700 persoas maiores de 14 anos, indica que no apartado de libros o 59,1% di ler no seu tempo libre e o 47,2% faio cunha frecuencia semanal ou diaria. Todas as cifras nas súas diferentes categorías aumentan e o único estable, pero tamén en ascenso, é o perfil do lector español: “É unha muller con estudos universitarios, nova e urbana que prefire a novela, le en castelán e faio por entretemento”.

Fonte: El País