O baile tradicional galego, candidato a patrimonio inmaterial da humanidade
A Conferencia Xeral da UNESCO aprobou no ano 2003 a Convención para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial. Esta aprobación marcou un logro, xa que por primeira vez a comunidade internacional recoñecía a necesidade de prestar axuda a un tipo de manifestacións i expresións culturais que ata entón carecían dun marco desta envergadura.
En concreto, a lista de patrimonio inmaterial da humanidade ten por obxecto salvagardar os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que as comunidades, os grupos ou os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural. En España, 10 Bens culturais inmateriais son considerados patrimonio da humanidade, ningún deles en Galicia.
Desde o colectivo XOC, Formado por tres asociación con actividade no eido do folclore galego: Xacarandaina (A Coruña), O Fiadeiro (Vigo) e Cantigas e Agarimos (Santiago), temos a firme convicción de que o baile tradicional galego merece formar parte desa lista.
En Galicia, desde tempos inmemoriais existe o baile como manifestación artística propia, cunha extraordinaria riqueza de movementos e ritmos. Ademáis dos ritmos máis exclusivos de Galicia, como a muiñeira, o folclore galego incorporou durante séculos ritmos de outras partes de España e de Europa, adaptándoos á nosa propia indiosincrasia e á nosa forma de entender as expresións artísticas, musical e coreográficamente.
Hoxe en día, o baile e a danza tradicional de Galicia forman parte da nosa vida cotián, existindo múltiples agrupacións que dunha ou outra maneira colaboran na súa difusión e conservación. O baile é a nosa tradición, é a nosa cultura, é común a tódolos galegos, é reflexo da nosa historia, é integrador. Por todo isto son necesarias accións que garantan a súa conservación e transmisión dunha forma pura e afastada de influenzas que o desvirtúen O baile tradicional galego, polo seu valor histórico, debe ser conservado, dignificado e transmitido a través de tódalas canles posibles.
O colectivo XOC ven de promover perante a Xunta de Galicia a proposta de candidatura do baile e a danza tradicional de Galicia como patrimonio inmaterial da humanidade. Conscientes de que a UNESCO valora positivamente o apoio popular da candidatura, e de que é preciso un amplo respaldo cidadán para que as institucións galegas se impliquen na candidatura, pedimos, se estás de acordo, que fagas constar o teu apoio asinando e remitíndonos a folla adxunta.