O compromiso de Baía Edicións coa nosa natureza II. Guías prácticas e outros
A coleción de Guías de Natureza, que supuxo un esforzo de catalogación que debemos agradecer a estudosas e estudosos da nosa natureza, foise complementando nas súas orixes con outra que chamamos Prácticas, xurdidas da necesidade de dar ás nosas labregas e aos nosos labregos unhas orientacións con datos prácticos para o cultivo na nosa terra e coa climatoloxía galega, resultando 7 títulos de gran éxito de público, como o indican as 8 reimpresións de A horta en Galicia ou as 7 de Guía práctica de enxertos, gallos e mergullos en Galicia, que supuxo un inxente esforzo de investigación lingüística no seu momento. Polo medio non quixemos pasar por alto o feito de que a contaminación do nos planeta está directamente relacionado co consumo dos seus habitantes e Ramsés Pérez incide na súa Guía de ecoloxía cotiá a importancia do consumo sustentábel e da soberanía alimentaria citando a máxima de Vandana Shiva como modelo a seguir “No noso planeta hai suficiente para satisfacer as necesidades de todos e todas, pero non para quen quere demasiado. Se consumes máis do que necesitas, estás roubando a outa persoa”. Tamén coñecimos a Xan Pouliquen (cando aínda era Yean Pouliken) a quen propuxemos facer A horta ecolóxica na Galiza. Guía práctica para o cultivo e que agora culmina, coa guía que presentaremos esta tarde, ás 19:00, na na Feira do Libro da Coruña: A horta sen químicos, nun esforzo de adaptación aos tempos, coñecemento e interese da sociedade galega polo cultivo saudábel e sustentábel.
Dese o principio sempre tivemos presente a importancia da educación, polo que elaboramos as Guías didácticas, nas que 13 unidades didácticas acompañadas de diapositivas foron os recursos utilizados polo profesorado galego para introducir ao alumnado de ensino obrigatorio no coñecemento do seu medio como vía para aprender o mundo. Evidentemente, o instrumento está totalmente obsoleto pero penso que non houbo centro galego que non utilizara nalgún momento estee recurso.
Coa mesma intención de inculcar nas nenas e nenos galegos a curisodade e o amor pola nosa natureza tamén creamos a colección “As 50 máis comúns” pequenas guías referidas a Aves, Ábores e Cogomelos, coas 50 especies máis comúns para aprender a observar a natureza e coñecer cando menos as especies máis habituais.
A maiores publicamos outras obras de interese natural e medioambiental, en forma de ensaio (Os bosques atlánticos europeos, Os residuos na Galiza, Contaminación atmosférica en Galiza ) e de coleccións infantís (O carballo, Pregunta á Doutora Peteiro, O meu pequeno Animalario…)
Anímovos a repasar o noso catálogo e acompañarnos esta tarde na presentación de A horta sen químicos, de Xan Pouliquen