O Consello da Cultura Galega acolle mañá e pasado a XV edicion dos Encontros para a Normalización Lingüística

O Consello da Cultura Galega acolle mañá e pasado a XV edicion dos Encontros para a Normalización Lingüística. Neste xeira, o evento bota a vista atrás e propón, na súa primeira xornada, unha análise das políticas sobre o galego neste período. Repasamos da man do investigador Xaime Subiela os fitos da Normalización.

O Centro de Documentación Sociolingüística e Galicia do Consello da Cultura organiza anualmente estes encontros coa intención de reflexionar sobre os procesos de normalización, Henrique Monteagudo, coordinador canda a Susana Mayo desta iniciativa, explica o interese por repasar os trinta anos da Lei de Normalización. “Verificamos que nos sucesivos aniversarios da Lei houbo moi pouco pulso das institucións e mesmo da sociedade para conmemorar este fito. Isto en si xa é un síntoma da escasa consciencia que hai sobre o que significou o proceso de normalización e amosa, ao meu ver, a necesidade de facer balance do camiño feito e ver os pasos. Non se trata, evidentemente, dunha celebración festiva, pero cómpre ollar para atrás pensando para adiante”.

O programa

Desde esta perspectiva, os Encontros centran a súa primeira xornada nesta tema, tratando desde diferentes perspectivas a evolución da política encol da lingua no país. “Aínda que nos últimos anos, atendendo tamén ás necesidade de austeridade, botábamos man sobre todo de persoas achegadas para os encontros, desta volta pareceunos necesario recuperar o contacto co exterior e facer comparacións cos procesos de Cataluña e Euskadi, que se desenvolveron a partir de leis coetáneas á nosa”. Así, estarán nos encontros Patxi Xabier Baztarrika, viceconselleiro de Política Lingüística vasco e mais o investigador catalán Esteve Valls. Canda a isto, unha mesa redonda abordará a evolución da lingua e da sociedade nestes 30 anos desde as perspectivas da mobilización social, a administración, os medios e a economía. A segunda xornada, segundo explica, “céntrase en temas máis habituais dos encontros, como son as iniciativas colaborativas e a atención aos grupos aos que se dirixe a política lingüística”, especialmente no eido educativo. Como elementos destacados, Monteagudo sinala a presentación do volume que recolle os traballos presentados ao Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia que se celebrou no Consello da Cultura Galega entre decembro de 2009 e xuño de 2010. “É unha obra de referencia no nsó en Galicia senón mesmo a nivel de Estado e mesmo de Europa”. Canda a isto, salienta tamén a conferencia de Bernardette O´Rourke, da Heriot-Watt University de Irlanda, que abordará as actitudes da mocidade de cara ao galego.

Os fitos

A abrir o evento, o investigador social e consultor público Xaime Subiela exporá, a partir dos trinta anos da Lei de Normalización, una análise realizada ex profeso para esta ocasión na que analiza a evolución da Política Lingüística galega. Da súa man, repasamos os fitos, as bases e os logros destes trinta anos de acción. Segundo explica “Nestes trinta anos institucionalizouse por ver primeira unha política lingüística de promoción do galego. A partir dos parametros recollidos no Estatuto e mais na Lei de Normalización entendíase non só que había que favorecer a súa aprendizaxe e regular os seus usos, senón tamén que o promover, e articulouse un sistema para iso”.

    • Os piares da Política Lingüística
      • Ensino: “Desde o primeiro momento a política lingüística centrouse moito no ensino e na incorporación do galego ao mesmo, primeiro como materia e depois como lingua vehicular”.
      • Medios de comunicación públicos en galego: “A posta en marcha da radio e da televisión autonómicas presentouse como un dos grandes movementos a prol da nosa lingua”.
      • Administración: “Houbo un grande traballo para introducir a lingua na propia administración. O feito de que houbese un Diario Oficial de Galicia en galego e que fose a lingua de contacto coa cidadanía en xeral, non tanto no oral como na escrita”.
      • Capacitación: “Aínda que desde hoxe vese como algo máis afastado, precisamente porque foi máis exitoso, tivo unha grande importancia o esforzo por garantir a capacitación na lingua, que a xente adquirise destrezas para se manexar en galego”.
    • Os momentos
      • O punto de partida: “A política lingüística xorde nun momento no que hai un desplome xeral do emprego do galego na sociedade. Nos oitenta o proceso de substitución estaba xa moi avanzado. Desde os anos sesenta, co paso dunha sociedade maioritariamente tradicional á urbanización deuse un descenso que non se producira nin nos anos 50, cando maior foi a represión contra a lingua. Este abandono deuse sobre todo no traspaso interxeracional, non é tanto que a xente mudase de lingua, que tamén pasaba senón que xa non lla falaba aos fillos.
      • Os exemplos: “En xeral o que se fixo na política lingüística galega foi copiar o que se facía en Cataluña, mirarse nese espello e logo ir tirando e saíndo do paso, non houbo un bo deseño. Xa a propia Lei de Normalización e varios decretos veses que van mallados. Os axentes que promovían a lingua tamén ollaban para alí, e o que se establecía era un horizonte abocado á frustración porque a realidade era moi distinta”.
      • Evitar o conflito: “Unha tese que comparto é que ao longo destes anos a administración autonómica, maioritariamente en mans conservadoras, preocupouse especialmente porque non houbese conflitividade en materia de lingua. Isto priorizouse fronte a se as accións eran pouco efectivas ou se non conseguían deter a perda de falantes. En materia de lingua, a conflitividade veu tanto das reaccións contra o galego como dos axentes que promovían o seu emprego”.
      • A confrontación: “Nos anos 80 e 90 deuse unha dinámica de confrontación fundamentalmente entre a Xunta e o nacionalismo. Considerábase que o goberno facía as cousas sen crer realmente na normalización, e este conflito estaba atravesado pola confrontación normativa”.
      • Consenso: “Arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística artellouse unha especie de consenso de mínimos”.
      • Ruptura do consenso: “Logo de 2004, ao mudar o goberno, o PP considerou que os elementos de resistencia ao galego podían darlle réditos políticos e que a confrontación en materia de lingua podía ter eco en determinados sectores sociais. Entón púxose en posición de confrontación connotando as posturas nacionalistas e socialistas como de imposición, e póndose a si mesmo como grande valedor da liberdade. Isto abriu un escenario novo e levou a lóxica de confrontación política a un punto que nunca tivera.
      • O momento actual: “Unha vez que o PP voltou á Xunta incorporou no ideario dos que debían ser elementos promotores do galego esa lóxica, a idea de que a política lingüística estaba a ir lonxe de máis e que empregaba lóxicas impositivas. Ata o de entón sempre se comprendera a acción sobre a lingua era progresiva, cara un horizonte de normalidade que se vía moi afastado, e agora múdase iso”.
    • As reaccións
      • “Desde o comezo da política lingüística houbo reaccións contrarias á promoción do galego, sobre todo no ámbito do ensino, onde toca máis directamente porque lles afecta aos fillos e ao ámbito doméstico. O que aconteceu nos últimos anos é que, coa cobertura do partido maioritario e dalgún xeito da propia administración, moita desa reacción latente fíxose manifestas e pasou a se artellar como un movemento. No entanto, debemos ter claro que non se trata da maioría da sociedade, que en xeral penso que avalía o que está determinado nos acordos básicos da Lei de Normalización ou do Plan, e considera que o galego é un valor que se debe promover”.
    • Os efectos
      • Contención: “No contexto no que naceu a política lingüística, penso que si se conseguiu conter en parte o proceso de substitución lingüística, por moitas razóns. Ao conseguir máis prestixio para a lingua, a xente que falaba galego comezou a se ver doutro xeito, e mudou algo a identidade negativa que estaba asociada á utilización do galego”.
      • Consciencia: “No momento no que se iniciou a política lingüística había moita xente que falaba galego pero o aprecio pola lingua era moito menor. Agora estamos nunha posición antitética, cun uso bastante menor pero tanto a reivindicación como a valoración da súa defensa están bastante asentadas, e a promoción está apoiada por unha maioría da sociedade”.
      • Capacitación: “No seu momento había moitas persoas ágrafas en galego, que sabían falar ou non tiñan capacidade para o emprego escrito. Nos anos 80 e 90 os cursos foron un elemento moi relevante, e canda aos medios permitiron que haxa unha competencia bastante elevada no conxunto da poboación, sobre todo ao comparar con outras comunidades con lingua propia”.
      • Non reversión: “A política que se desenvolveu non foi eficaz par inverter o sentido da substitución lingüística. Hoxe aínda é a lingua máis falada, pero iso é un espellismo produto da nosa pirámide de poboación, na realidade entre a xente nova xa non é maioritaria. Aínda así non debemos pensar que Galicia son só as cidades, en moitos lugares o galego continúa a ser unha lingua ambiental maioritaria”.
    • Os froitos pendentes: “A situación actual é moi negativa e penso que imos botar moitos anos a sufrir os efectos da actual postura da Xunta. Isto provocou unha maior conflitividade en determinados ámbitos que non estaba presente, e é extraordinariamente pernicioso”.

Fonte: Culturagalega