‘O DRAGÓN COMEMEDO’ protagonista no proxecto ‘Coñecendo e gozando da biblioteca’

As concellerías de Educación e de Novas Tecnoloxías poñen en marcha unha nova edición de “Coñecendo e gozando da biblioteca”, unha actividade na que van participar 36 alumnos de Educación Infantil e Primaria de diferentes centros educativos de O Grove que van ter a oportunidade de asistir a actividades “para espertar a súa imaxinación e creatividade”.

No Concello indican que o éxito da edición anterior xustifica este novo curso, e engaden que as propostas para os nenos van desenvolverse na Biblioteca Pública de Monte da Vila todos os mércores e venres, desde as cinco da tarde.

A modo de exemplo anúnciase un taller para que os nenos traballen co conto O dragón comemedo, de tal xeito que os alumnos participantes “poidan expresar os seus medos a través de debuxos e metelos no buzón do dragón para facelos desaparecer”.

Ata van ter a oportunidade de colaborar na decoración da biblioteca con pantasmas, que pintarán os propios nenos e, en definitiva, van poder gozar dunha actividade extraescolar para familiarizarse coa lectura e a biblioteca, xogar e compartir.

Fonte: Faro de Vigo