O galego, na Modern Language Association

A Directora Executiva da Modern Language Association (MLA), Rosemary G. Feal, fixo pública a inclusión da lingua, a cultura e a literatura de Galicia no organigrama deste organismo para que estean “en pé de igualdade” coas demais do mundo. En concreto, estes patrimonios inclúense a través do Foro Galician Language, Literature and Culture (LLC), iniciativa que para Rosemary G. Feal representa unha “suma importante” á estrutura da Modern Language Association.

Deste modo, finaliza un proceso iniciado en maio de 2013 coa posta en marcha dunha campaña a grande escala destinada a conseguir apoios para a creación deste foro na MLA.

Para o profesor asociado da Universidade de Wisconsin-Milwaukee (USA), Gabriel Rei-Doval, “como organización de referencia en linguas, literaturas e culturas do mundo que é o MLA, a creación dun foro de calquera cultura, lingua e literatura adicional recoñecida” por ela necesita de “un rigoroso, exhaustivo e protocolizado proceso”.

Este proceso ten que pasar diversas e “moi esixentes” instancias e filtros burocráticos, académicos e organizativos –como a División de programas da MLA, o Consello Executivo e a Presidencia da organización– antes de poder emitirse o ditame favorable que permite a creación deste foro.

Ademais, o profesor Rei-Doval destacou que o foro MLA Galician Studies foi “o que máis adhesións recibiu de todos os solicitantes” –aproximadamente 300 docentes e investigadores” nesta revisión de programas realizada no bienio 2013-2014.

A lingua, cultura e literaturas galegas entran así a formar parte dun club selecto no que se atopan outras linguas, culturas e literaturas minorizadas, como o catalán, o escocés ou o yiddish.

Fonte: El Correo Gallego. FOTO