O libro ‘A Nosa Terra é nosa!’ de Emilio Ínsua reciben ‘ex aqueo’ o Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo

A obra A Nosa Terra é nosa sobre as Irmandades da Fala de Emilio Ínsua xunto coa Biografía de Rosalía de Castro escrita por María Xesús Lama recibiron ‘ex aqueo’ o Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo, iniciativa nada este ano co impulso da Fundación Rosalía de Castro.

Así, o xurado do premio, composto por Xosé Luís Axeitos, Xosé Ramón Barreiro, María Xesús Pato, Alba Nogueira, Ernesto Baltar, Anxo Angueira e Xosé Carlos Beiró, emitiu o sábado 1 de decembro o fallo do concurso, no que destacan “a relevancia do traballo” das obras premiadas.

‘Cantos de independencia e liberdade’, obra de María Xesús Lama editada por Galaxia, dá unha volta ás biografías ata agora publicadas sobre Rosalía de Castro. Trátase do primeiro volume da biografía da autora galega máis universal e nela nárranse as súas orixes familiares e os seus anos de mocidade.

Pola súa banda, Emilio Insua redescubre en ‘A Nosa Terra é nosa’ o nacemento, desenvolvemento e legado das Irmandades da Fala, prestando especial atención ao papel que desempeñou Antón Vilar Ponte como un dos seus promotores.

O Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo ten carácter bianual e pretende contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental do arquivo ‘Baltar Feijóo’, que foi depositado pola súa familia na Casa de Rosalía e que recolle publicacións que van desde o ‘Rexurdimento’ ata a ‘Xeración Nós’.