O ‘Lolapop’ múdase a Redondela
Un ano máis, e van cinco, Ernie Producións pon en marcha o festival Lolapop, unha cita imprescindible en Galicia para os amantes do pop. E faino cunha importantísima novidade: múdase a Redondela. Deste xeito, o escenario trasladarase o 8 de setembro ao porto de Cesantes, onde despregará un apetitoso cartel encabezado polos granadinos Niños Mutantes, que atracarán na vila para presentar o seu último traballo, Náufragos, e que seguro non se esquecerán de repasar algúns dos seus temas máis emblemáticos.
O menú do Lolapop tamén inclúe nesta ocasión o suculento rock indie de Supersubmarina, que veñen co seu Santacruz baixo un brazo e, baixo o outro, as guitarras. Dentro do panorama independente nacional, ao cuarteto de Baeza non lles ten nada que envexar a colosal proposta musical de Bigott. O zaragozano chegará en moi boa forma ao Lolapop tras os seus últimos concertos e con ganas de deixar claro por que cultiva as excelentes críticas que cultiva.
O porto de Cesantes tamén poderá gozar da enerxía dos vigueses Maryland, que nos achegarán os temas de Get Cold Feet e repasarán os mellores temas da súa discografía; do mesmo xeito farano Rusos Blancos, que están de estrea de mans do EP Hijo Único, que conta con cinco novos temas gravados por Brian Hunt e masterizados por Joaquín Pascual.
Pola súa banda, os vigueses de Munich porán sobre as táboas as doses de rock e baile ás que nos teñen afeitos nos seus concertos pola súa/nosa terra. Pero a festa non acabará con eles, xa que o broche final para a cita correrá a cargo de Virginia Díaz (coñecida polo seu traballo en 180 Grados, de RNE) e Charli-e DJ (da sala Karma).
OS MÁIS PEQUENOS TERÁN O SEU PROPIO FESTIVAL
Do mesmo xeito que sucedese nas tres últimas citas, este ano a organización tamén celebrará o Lolapop para Nenos. Este espazo lúdico e musical dedicado e pensado para os pequenos de entre 3 e 14 anos permanecerá aberto na alameda de Redondela o 1 de setembro.
Máis información e venda de entradas para o evento, aquí.
Fonte: Galiciaé