O número de persoas monolingües en galego baixou trece puntos

A extrapolar datos do Censo de Poboación de Vivendas do INE, o Instituto Galego de Estatística acaba de publicar no seu web os datos relativos ao coñecemento e uso do galego entre as familias do noso país. Segundo esta análise, o número de persoas monolingües en galego baixou trece puntos fronte aos datos de 2001 a ficar nun 43,5% do total de falantes. A cifra verifica o apuntado no Mapa Sociolingüístico de Galicia, que xa en 2009 alertaba de que o galego deixara de ser lingua maioritaria da poboación.

Diminúe tamén, no entanto, o número de persoas monolingües en castelán, que fica nun 10,9%, mentres se incrementa a poboación que emprega en diferentes momentos as dúas linguas, a chegar a un 45,3%.

Desde a Consellaría de Educación e Cultura considéranse positivos estes datos ao sinalar que a suma de bilingües e de monolingües en galego “supón un incremento de dous puntos con respecto ao obtido na mesma enquisa no ano 2001”. Segundo a Consellaría “así, son cada vez máis numerosas as persoas que se expresan de xeito natural e espontáneo en calquera das dúas linguas, por considerarse con competencia para facelo, o que consolida tendencias que se viñan presentando noutras enquisas anteriores”.

En canto a competencias na lingua, o 98,6% da poboación apunta que comprende o galego e máis do 90% atópase a si mesma capacitada para o falar.

Fonte: Culturagalega

Foto: Porcentaxe de poboación de 5 ou máis anos que fala sempre en galego por concellos. Galicia