O Parlamento aproba a primeira Lei de telecomunicacións de Galicia

A Lei de impulso e ordenación das infraestruturas e telecomunicacións de Galicia, que converte ás telecomunicacións nun servizo de primeira magnitude, garantindo o seu desenvolvemento de xeito máis coordinado, con maior planificación e máis anticipación, recibiu hoxe o visto e prace do Parlamento de Galicia, de xeito que a nosa comunidade autónoma sería a primeira do Estado en apostar por unha iniciativa de tal envergadura, para complementar á normativa estatal e coa que evitarase a duplicidade de esforzos e investimentos nas administracións públicas.

A nova lei obrigará aos operadores e as administracións públicas a remitir información sobre os plans de despregamento executados ou previstos. En base a esta información elaborarase o primeiro Mapa de Infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, que evitará a superposición de iniciativas aos operadores privados e concellos e permitirá establecer un plan de despregamento coordinado e en base a necesidades reais.

A lei garantirá que toda vivenda que se constrúa contará coas infraestruturas mínimas para a incorporación dos servizos do Fogar Dixital. Esta medida facilitará a introdución nos fogares galegos de novos servizos socio-sanitarios, unha mellor eficiencia enerxética, unha maior seguridade, servizos de teleasistencia, etc. o que levará consigo unha mellora na calidade de vida do cidadán e un achegamento aos servizos públicos. Do mesmo xeito que suporá un importante impulso ao sector tecnolóxico de Galicia (instaladores, fabricantes…).

Por último, a Lei contempla a creación dun Consello Asesor para as Telecomunicacións e o Desenvolvemento Dixital de Galicia, coa conseguinte desaparición do actual Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, que se configurará como un órgano de estudo, asesoramento e apoio ao Goberno da Xunta de Galicia na definición e execución das políticas de telecomunicacións.

Establécese a obriga de que a Rede Dixital de Seguridade e Emerxencias da Xunta de Galicia sexa de uso obrigatorio por todos os organismos autonómicos que o precisen. Esta rede permitirá optimizar os custos fronte a situación actual.

Fonte: Codigocero