O profesorado da concertada subiu un 9 % nos últimos 7 anos

As sentenzas do Tribunal Supremo que rexeitan que os colexios de educación diferenciada -que separan a nenos e nenas- sexan concertados pola Administración reabriron un debate que en Galicia tivo o seu momento máis crítico no 2009, cando o bipartito intentou sen éxito retirar a subvención aos cinco centros deste tipo que hai nesta comunidade.

En xeral a educación concertada tivo sempre defensores e detractores. Nos últimos sete anos este tipo de centros, que escolarizan ao redor dun terzo do alumnado, experimentaron un incremento de profesorado de máis do 9,5 %, pasando de 4.859 a 5.321 segundo os datos da Xunta. A pública, que por primeira vez en anos perdeu docentes o pasado curso, creceu no mesmo período un 2,4 %. Desde a Consellería de Educación achacan esta evolución a que a etapa de infantil comezou a concertarse neses anos e a que unha porcentaxe dos docentes que figuran nas estatísticas da privada teñen xornadas a tempo parcial.

Posible incidencia do Supremo

A Xunta reiterou onte que o servizo xurídico analizará as dúas sentenzas para comprobar a posible incidencia nos cinco casos galegos, pero recorda que as sentenzas do Tribunal de Xustiza de Galicia ratifican a legalidade dos concertos galegos. Insisten en que o ensino mixto non é un factor necesario para acceder a un concerto senón que é un criterio de preferencia «pero non unha esixencia para o acceso a este réxime».

Negocio «integrista»

Socialistas e nacionalistas reclamaron a supresión dos cinco concertos que hai en Galicia, cos que se aforrarían tres millóns de euros. O socialista Abel Losada indicou que Feijoo trata de manter o negocio «para os grupos integristas católicos», lamentando que para o PP «o Opus Dei mande máis que o Tribunal Supremo».

Fonte: La Voz de Galicia

Foto: 20minutos