O Salón de Outono de París, mellor en agosto e en Sarria
A localidade lucense é o único lugar no que se exhiben as pezas fora do Grand Palais
Este privilexio débese unicamente a que o falecido creador sarrián e referencia artística na capital gala, José Díaz Fuentes , decidiu hai nove anos que a súa vila natal, en pleno Camiño Francés, era o lugar idóneo para unha mostra tan universal.
A mostra pasou de ser anual a converterse en bienal tras a morte de Díaz Fuentes , e a súa viúva, Florence Normier, é agora a encargada de continuar co legado do artista.
O certame cumpre a súa sétima edición e conta con máis de trescentas obras de case douscentos artistas de doce países. Entre os participantes hai unha ampla representación de creadores galegos como Violeta Bernardo, Luis Ospido, Machús ou Xosé Marra.
O presidente do Salón de Outono de París, Noël Coret cualificou esta exposición como a máis completa de todas as que se celebraron ata o momento. «Nestes momentos seguro que Díaz Fuentes ten que sentirse moi feliz e orgulloso de comprobar como o proxecto que comezou hai sete anos alcanza un nivel tan elevado. Podemos dicir que alcanzou o seu soño con fartura nun ano no que a calidade de todos os traballos é impresionante».
A maioría das obras son esculturas ou pinturas, pero este ano a gran novidade é que hai un apartado para a arte audiovisual nunha sala dedicada a esa especialidade no antigo cárcere.
As persoas interesada en visitar esta exposición poderán facelo ata o próximo día 20 no que se pechará ao público. O último día será moi especial, xa que o acto de clausura celebrarase no novo auditorio ao aire libre no parque das Ínsuas, formado por unha composición dunha trintena de grandes figuras de Díaz Fuentes .
O antigo cárcere comarcal de Sarria e os mosteiros da Madalena, en Sarria, e Samos, son os tres únicos lugares nos que os amantes da arte poderán contemplar algunhas obras das que se expoñen habitualmente no Salón de Outono do Grand Palais de París.
Fonte: La Voz de Galicia