O servizo bUSCatermos acubillou xa case 14.000 sesións de consulta
O servizo bUSCatermos, lanzado pola Universidade de Santiago co obxectivo de atender as demandas lingüísticas dos usuarios alleos á institución educativa USC, atesoura xa seis meses de actividade, dende a súa apertura en consulta libre o pasado 1 de outubro, intre a partir do cal, calquera de nós tivo a oportunidade de acceder a toda a información deste banco de termos, só con dispor dunha conexión a Internet. Este medio ano de vida serviu aos seus responsábeis para lanzar unha serie de conclusións acerca da actividade xerada polo servizo. Por exemplo: que canto menos atrancos haxa para que os internautas interactúen cos recursos lingüísticos existentes (eliminando intermediarios como atencións telefónica ou por correo electrónico), acadarase máis utilidade, participación e repercusión. As cifras de bUSCatermos (que ofrece máis de 155.000 rexistros e 450.000 denominacións en distintas linguas) así o confirman.
Segundo nos contan, o servizo acubillou nos seis primeiros meses de actividade un total de 5.704 visitantes únicos, que realizaron un total de 13.803 sesións de consulta e accederon a 56.991 páxinas. “Isto supón unha media de case tres visitas por visitante, e un pouco máis de catro páxinas vistas por visita”, informan. Con todo, engaden, os datos medios non representan ben o uso efectivo de bUSCatermos durante este semestre. E explican: “Os dous primeiros meses foron para moitas persoas un período de probas que produciu un alto número de accesos ocasionais (3.758 visitantes e 7.182 visitas que consultaron 26.398 páxinas); pero a partir de decembro xa se acadou a que parece ser a velocidade de cruceiro da ferramenta, cuantificable nuns 700 visitantes únicos ao mes, que fan arredor de 1.700 visitas no transcurso das cales se procuran unhas 8.000 páxinas”.
Fonte: Codigocero