O venres 1 de xuño preséntanse os 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas
A Real Academia Galega presenta, o venres día 1 de xuño ás 19:30 horas, no xardín de San Carlos da Coruña, os 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas.
A Real Academia Galega, co fin de achegar a un público amplo a dimensión e significado do 50 aniversario do Día das Letras Galegas, desenvolveu unha serie de actividades celebratorias ao redor desta data. Entre elas a elaboración de cincuenta carteis, cada un deles dedicado a unha das figuras homenaxeadas durante estes cincuenta anos, de Rosalía a Paz Andrade.
Para levar adiante esta iniciativa contouse coa colaboración desinteresada e xenerosa de varios colectivos profesionais e dos seus asociados:
- A Asociación Galega de Deseñadores (DAG). Entidade que encomendou entre os seus asociados a realización das cincuenta pezas.
- A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELGA) encargoulles a cincuenta escritores/as a redacción de cincuenta frases que se incorporaron a cada un dos cincuenta carteis.
- A Asociación Galega de Artes Gráficas realizou a impresión dos carteis.
- Torras Papel forneceu o papel.
- A Asociación Galega de Editores asumiu a distribución das coleccións de carteis en librarías e bibliotecas.
- A Federación Galega de Libreiros comprometeuse a promover desde as librarías a difusión dos carteis.
- A Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia e ANABAD-Galicia promoven a difusión dos carteis e organizan actos relacionados coa efeméride.
Durante a presentación desta iniciativa estarán expostos os carteis realizados.
Axúntase pdf co desenvolvemento do acto Presentación dos 50 carteis dos 50 homenaxeados