O venres pasado desaparecía LV como publicación diaria, que pasará a ser semanario e centrarse na Rede
Finalmente (e tristemente) está a piques de esmorecer o último xornal, con publicación diaria, escrito en galego. Falamos de LV De Luns a Venres, publicación de balde do Grupo El Progreso que este 25 de xaneiro, venres, achega o seu último número na rúa como diario. A partir do 8 de febreiro, segundo informan os seus responsábeis, aparecerá con feitura de semanario. A maiores, tentarase manter viva a experiencia a través da Rede, na web de seu, onde, a tenor do que informa El Progreso, vaise proceder a reforzar a información diaria, ao tempo que se mantén a aposta polo idioma galego.
A desaparición do xornal como publicación diaria está a ser lamentada dende diversas frontes sociais, profesionais e culturais do país. Nesta liña sitúase por exemplo o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que lle desexa “os mellores ventos á nova travesía de LV”, aínda que non pode menos que laiarse da desaparición do último dos xornais diarios en galego, despois de seis anos de presenza constante nas sete principais cidades do noso país.
“Sobre todo”, informa, “cando esa desaparición non obedece á falta de receptividade e apoio dos lectores, xa que, segundo asegura o propio medio no seu derradeiro número, pechou o ano 2012 como o xornal de maior crecemento da prensa de Galicia, segundo o Estudio General de Medios (EGM), cun 34,29% de suba, que lle permitiu acadar os 38.000 lectores“. Outros 7.000 recibían o xornal a diario nos seus correos electrónicos, engade. O Colexio tamén recorda que “por moito que se compense con reforzos e apostas dixitais, unha medida como este leva aparellada despedimentos de profesionais; para eles a nosa solidariedade e o noso apoio xurídico”.
Fonte: Codigocero