Organizacións ecoloxistas piden á Xunta que remate coa caza de aves en perigo de extinción en Galicia
A Conícola (Vanellus vanellus) e a agacha (Gallinago Gallinago) poden cazarse malia estar incuídas no Catálogo Galego de Especies Amenzadas con “En perigo de extinción”.
Na xuntanza do Comité Galego de Caza celebrada o pasado 21 de marzo, o representante das organizacións ecoloxistas pedíu á Xunta que prohiba a caza da avefría ou conícora (Vanellus vanellus) e da becacina ou agacha (Gallinago gallinago), en Galiza a partires da vindeira tempada 2014-15, alomenos ata que se aproben os respectivos “plans de recuperación” obrigatorios por lei para estas especies.
O Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007) considera “En perigo de extinción” ás poboacións reprodutoras de conícora (Vanellus vanellus) e agacha (Gallinago gallinago), debido a que a súa “supervivencia é pouco probable se os factores causantes da súa actual situación seguen actuando” e débense elaborar os correspondentes “plans de recuperación” destas dúas especies.
Malia á grave ameaza da extinción e ao descoñecemento dos movementos dispersivos e migratorios das poboacións reprodutoras galegas, tanto a conícora (Vanellus vanellus) como a agacha (Gallinago gallinago) considéranse especies cazables durante a tempada cinexética en Galiza (só as poboacións non nidificantes) polo que existe o risco de que exemplares reprodutores, xa que logo considerados “en perigo de extinción”, sexan abatidos durante a tempada de caza.
En Europa, a tendencia dende 1980 amosa que as poboacións de conícora (Vanellus vanellus) e agacha (Gallinago gallinago) están a sufrir un declive moderado e estatísticamente significativo, baseado nos datos provisionais para 21 paises nos que se avalían as tendencias poboacionais das aves comúns (BirdLife International, 2014)
Se ben a meirande parte das poboacións de conícora (Vanellus vanellus) son completamente migratorias, algunhas poboacións reprodutoras nas rexións máis temperadas son sedentarias (del Hoyo et al. 1996), polo que existe un risco certo de que durante a tempada de caza en Galiza se abatan conícoras que poderían tentar a cría. A información dispoñible para a agacha (Gallinago gallinago) non permite confirmar ou desbotar esta posibilidade polo que, en aplicación do principio de precaución, tamén debería vedarse.
A población global de conícora (Vanellus vanellus) está concentrada en Europa onde as poboacións reprodutoras eran bastante estables ata 1990, pero dende entón a especie sufriu un forte declive (maior do 30%). En consecuencia, a nivel europeo, esta especie que previamente gozaba dun estatus “seguro” agora está clasificada como “vulnerable” (European Commision 2009). A conícora (Vanellus vanellus) só se caza en Francia, España, Italia, Malta e Grecia e a caza considérase como unha ameaza de nivel medio (European Commision 2009).
Fonte: Sociedade Galega de Historia Natural.