Os Premios da Cultura Galega 2012 entréganse a vindeira semana no Gaiás
Salvador García Bodaño, Manuel Quintana Martelo e Manuel Rodeiro serán algunhas das personalidades que o próximo 21 de febreiro estean convocadas na Cidade da Cultura para recoller os Premios da Cultura Galega 2012, neste caso nas categorías de Letras, Artes Plásticas e Música, respectivamente.
Así, o Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá a partir das 19.00 horas do día 21 o acto no que se entregarán estes galardóns convocados pola Xunta de Galicia.
Ademais destes tres premios, tamén será recoñecida o labor do grupo de teatro Airiños na categoría de Artes Escénicas, da Asociación Internacional Estudos Galegos na categoría de Promoción Cultural de Galicia e de Miguel Anxo Fernández no apartado de Creación Audiovisual. A Fundación Eduardo Pondal recollerá o premio ás Iniciativas en favor do Patrimonio Cultural.
A Xunta de Galicia convoca estes premios anuais co fin de recoñecer o labor de persoas e institucións que traballan nos distintos ámbitos da creación, a conservación e a posta en valor do patrimonio cultural, así como da actualización e difusión do capital creativo galego. Os galardoados recibirán como premio unha escultura realizada polo artista ourensano Xosé Cid.
Fonte: GaliciaHoxe
Foto: Xunta