Os Premios da Cultura Galega 2013 entréganse hoxe no Gaiás
A Xunta entregará hoxe os Premios da Cultura Galega 2013, en recoñecemento a persoas e entidades en favor do desenvolvemento cultural da Comunidade, nun acto que se celebrará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.
Así, o Premio da Cultura Galega das Letras entregarase á escritora Luz Pozo Garza; o de Artes Plásticas á Fundación Eugenio Granell e o de Artes Escénicas á Mostra de Teatro de Ribadavia.
Así mesmo, a modalidade de Patrimonio Cultural irá para o Museo do Castro de Viladonga; o premio á Promoción Exterior para o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol; o de música para o compositor Juan Durán e na categoría Audiovisual recibirá o galardón Bambú Producións. A nova categoría, o Premio da Cultura Galega de Lingua será para a asociación PuntoGal.
A gala contará nesta ocasión con varias actuacións, como a da formación Talabarte, o grupo de teatro Lusco e Fusco, a artista galego-palestina Najla Shami ou os bailaríns Miguel A. Ponte e Ana Serantes.
Fonte: GaliciaHoxe