Os Premios María Casares do Teatro Galego estiveron cheos de emocións
A vixésima segunda edición dos Premios María Casares do Teatro Galego foron unha festa de aniversario da escena profesional de Galicia. A gala dirixida por Artur Trillo e conducida por Talía Teatro contando cun perfecto repertorio musical do Coro Encaixe foi unha celebración na que todo tipo de emocións e sentimentos tiveron sitio no escenario do Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Nove espectáculos competían nas catorce categorías nas que se dividen os galardóns. Tres espectáculos repartiron a meirande parte dos premios e houbo momentos para a reivindicación, o recordo, a risa e o enxeño poético. Era o Día Mundial da Poesía, como lembraron as poetas Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado) ao ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro no que chamaban á risa como chave da liberdade contra todo o escuro e ao teatro como república de esa liberdade. As encargadas do manifesto tamén pediron a existencia dunha categoría de monicreques nos María Casares.
GAÑADORES POR CATEGORÍAS SEGUINDO A ORDE DE ENTREGA
- MELLOR MAQUILLAXE
Trini F. SILVA por OUTONO, espectáculo da compañía Pista Catro.
- MELLOR VESTIARIO
Suso Montero por A CABEZA DO DRAGÓN, espectáculo de Producións Teatráis Excéntricas.
- MELLOR ESCENOGRAFÍA
Marta Iturralde e Montse Piñeiro por RESACA; espectáculo de ilMaquinario Teatro.
- MELLOR ILUMINACIÓN
José Manuel Faro ‘Coti’ por RESACA, espectáculo de ilMaquinario Teatro.
- MELLOR MÚSICA ORIXINAL
Vadim Yukhnevich por RESACA, espectáculo de ilMaquinario Teatro.
- MELLOR ADAPTACIÓN/TRADUCIÓN
Quico Cadaval por A CABEZA DO DRAGÓN, espectáculo de Producións Teatráis Excéntricas.
- MELLOR TEXTO ORIXINAL
Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman e Gena Baamonde por ELISA E MARCELA, de A Panadaría.
- MELLOR ACTOR SECUNDARIO
Víctor Mosqueira, por A CABEZA DO DRAGÓN, de producións Teatrais Excéntricas.
- MELLOR ACTRIZ SECUNDARIA
Laura Míguez, por RESACA, de IlMaquinario Teatro.
- MELLOR ACTOR PROTAGONISTA
Iván Marcos, por A CABEZA DO DRAGÓN, de Producións Teatráis Excéntricas.
- MELLOR ACTRIZ PROTAGONISTA
Areta Bolado, por ELISA E MARCELA, de A Panadaría.
- MELLOR DIRECCIÓN
Gena Baamonde, por Elisa e Marcela, de A Panadaría.
- MELLOR ESPECTÁCULO INFANTIL
A GALIÑA AZUL, de Tanxarina.
- MELLOR ESPECTÁCULO
Elisa e Marcela, de A Panadaría.
Fonte: Culturagalega