Os que levaron Beethoven á aldea

As bandas populares, compostas por afeccionados, foron durante moito tempo a base de canta festa e verbena se fixo no país. Ademais, tiveron unha influencia fundamental na configuración do repertorio e mesmo nos instrumentos da nosa tradición. Un estudo de Federico Vázquez sobre estas formacións no Concello de Guntín amosa a importancia destes grupos.

O pasado mes de maio presentábase o libro As bandas de música no Concello de Guntín, unha obra coa que Federico Vázquez de la Fuente gañou o pasado ano o Certame de investigación Condado de Pallares. O traballo céntrase nas bandas populares, é dicir, aquelas formadas por afeccionados á música. “Desde a súa implantación en Galicia, hai xa 160 ou 170 anos e ata a década dos 60, a maior parte das bandas que houbo no país eran populares”, explica. “Os músicos eran afeccionados e non tiñan un grande coñecemento académico, moitas veces nin sabían ler ou escribir. Facíano por gusto e tamén como un complemento para gañar a vida”. Nese sentido, destaca a importancia que tivo o servizo militar obrigatorio á hora de xerar unha educación musical no contorno rural e, por extensión, a influencia que tivo na nosa música. “A xente aprendía alí a tocar ou algo de solfexo, isto supuxo unha revolución para a música en Galicia”. A introdución deste tipo de formacións na nosa música popular seguiu en boa medida as correntes europeas neste sentido, e está relacionada mesmo coas invasións napoleónicas. “As bandas consideradas modernas naceron coa Revolución Francesa, e moitos instrumentos, como é o caso do clarinete, chegaron á península coa Guerra de Independencia”, advirte Vázquez.

Sincretismo coa tradición
Aínda que poden semellar mundos opostos, Vázquez, ao igual que outros investigadores, salienta as múltiples conexións que se deron entre as formas tradicionais de músicas e as innovacións das bandas, sobre todo no caso das populares. “O propio bombo que acompaña o gaiteiro provén das bandas militares”, sinala, “e a comezos do século XX foise acompañando a gaita doutros instrumentos como pífanos ou clarinetes que viñan tamén das bandas”. Canda a isto, existía un fluxo de repertorio entre a tradición e estes grupos. “A xente que facía parte das bandas incorporaban ao repertorio da formación muiñeiras ou xotas que lles escoitaban aos gaiteiros. E logo incorporaron pasodobres, fandangos, ou polcas que máis tarde foron á súa vez copiados polos gaiteiros, houbo un sincretismo moi forte”. Este legado está a ser reivindicado recentemente por diferentes músicos tradicionais que incorporan instrumentos e repertorios de bandas de música aos seus discos.

Bandas para bailar
Malia a súa aparente conexión con contornos urbanos e co ascenso da burguesía como clase social dominante ao longo do século XIX, a análise de Vázquez salienta o peso que acadaron as bandas no medio rural. “Entraron moito no rural. Había unha grande paixón pola música e o que non podía ser gaiteiro dedicábase a isto”. Estas formacións desenvolvéronse vencelladas fundamentalmente a ámbitos festivos. “Ata 1950 todas as festas dependían fundamentalmente das bandas, non había orquestras de baile ou orquestinas. Practicamente só estaban os gaiteiros e as bandas”, apunta. “Estou convencido de que o repertorio das bandas populares era fundamentalmente bailable e composto por pezas de música popular galega xa desde que comezaron a se formar no XIX, porque era o que coñecían”. A miúdo as bandas populares repartíanse co fin de atender a diferentes compromisos. “Raramente pasaban de 20 compoñentes, e para ir ás festas ás veces dividíanse en tres ou catro grupos, de xeito que ían a cada lugar só sete ou oito músicos para tocar bailes, e para isto abondaban”.

Música clásica na aldea
Canda aos temas populares, galegos ou foráneos, as bandas levaron tamén a música culta ou clásica a moitos lugares. “Aínda que era un estilo máis habitual nas bandas municipais, feitas para tocar sentados e no palco, estes arranxos de compositores clásicos chegaban tamén ás populares. A miña avoa escoitou por vez primeira a Beethoven en Guntín grazas á banda”. Este compositor e mais Wagner eran os que tiñan máis éxito entre este tipo de formacións, segundo as investigacións de Vázquez. “, Contribuíron moito a democratizar a música”, sinala. “Polo xeral, nas primeiras décadas do século XX as bandas tocaban en círculo, non na formación de orquestra actual. Ademais, nas aldeas non se empregaban os palcos de música. Estes comezaron a chegar ás cidades a partir de 1870 por influencia de Estados Unidos”.

Novo interese
Encol do seu interese por este sector, Vázquez sinala que “son fillo, neto e bisneto de músicos de Guntín. Todos eles pasaron polo mundo das bandas, e eu tamén. Quería facerlles unha homenaxe aos meus antepasados e mais aos músicos de Galicia que traballaron neste campo”. De cara ao futuro, o autor anuncia a vindeira publicación dun libro sobre a importancia social das bandas en Galicia e sinala que está a traballar nunha tese sobre a banda municipal de Lugo. Estes traballos, canda a outros como a recente tese de Sergio Noche sobre a de Ourense, amosan un interese crecente por estas formacións que tanto teñen marcado o noso patrimonio musical. “O mundo das bandas é moi interesante e está moi pouco investigado e dignificado, case todos os músicos de Galicia pasaron por bandas”, explica este autor, quen recoñece un certo renacer do interese por estas formacións. “Coa democracia comezaron a se investigar un pouco, a xente maior falaba de como eran as festas, e agora os netos destas persoas estamos a recoller este momento histórico, no cal as bandas tiñan moita importancia”.

Fonte: culturagalega.org