Os xornais aforran en papel para salvar a crise
A actual crise está afectando de xeito drástico aos medios de comunicación tradicionais. Ao serio recorte de plantilla que xa levaron a cabo moitos deles –La Voz de Galicia, Faro de Vigo, La Opinión de A Coruña, El Correo Gallego, o Grupo El Progreso, La Región ou Grupo La Capital — nos últimos meses, súmase o aforro en papel.
E todo, pola gran caída da difusión que están a experimentar as principais cabeceiras de Galicia e do Estado, en parte, por mor da crise, e, en parte, pola competencia dos novos medios dixitais.
Caída do papel dun 18%
Segundo datos da propia patronal do sector, a Asociación de Editores de Diarios Españois (AEDE), só durante os últimos doce meses os xornais españois reduciron as súas compras de papel unha media do 18%. E é que logo do importante encarecemento do prezo do xornal que se produciu con motivo da instauración do euro, nos últimos meses, tamén se rexistraron novos incrementos debido á crise económica.
Por iso, os grandes grupos de comunicación optaron por reducir en papel e facer edicións máis cativas do que hai un ano. O obxectivo é abaratar custes, non só no número de páxinas, senón tamén na calidade do papel.
La Voz, a segunda en recorte de papel
Segundo os datos da AEDE, entre os xornais de maior difusión (vendas + subscricións) que máis recortaron o gasto en papel destacan os do Grupo Vocento, en especial o ABC cunha redución do 26,8%. Neste ranking, La Voz ocupa o segundo lugar cunha baixada do número de papel do 23,9% nos últimos meses. Segue El Mundo e El País, cunha baixada do 20,6 e do 18,9 respectivamente, e El Periódico de Catalunya, cun 11%.
Menos ingresos publicitarios
Por outra banda, os ingresos publicitarios das grandes cabeceiras tamén diminuiron no primeiro trimestre do ano. O descenso medio de publicidade de La Voz de Galicia foi do 20,5%, 1,5 puntos menos que a media dos xornais do Estado que se sitúa no 23%.
Entre os rotativos de ámbito autonómico e provincial, o descenso máis pronunciado foi o de El Correo, co 21,7%; seguido do Periódico de Catalunya, 21,2; La Voz de Galicia, 20,5; e La Vangarda, 19,9.
Pero tamén baixan os xornais de ámbito estatal. El País bateu marcas cun descenso inter-trimestral do 37%, seguido pola Razón, 24,8; ABC, 22,6; e El Mundo co 22,4.
Fonte: Galicia Confidencial